Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A XUNTA TRASLADA AO GOBERNO CENTRAL A NECESIDADE DE AXILIZAR OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS RELACIONADOS CO EIDO PORTUARIO

O presidente de Portos de Galicia e a conselleira de Mar mantiveron unha xuntanza en Madrid co secretario de Estado de Medio Ambiente

  • O obxectivo é resolver con maior rapidez cuestións que afectan á actividade dos profesionais da pesca do marisqueo e das embarcacións deportivas de Galicia

Madrid, 21 de setembro de 2018.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladaron hoxe ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a necesidade de traballar conxuntamente “para axilizar o máximo posible” a tramitación administrativa de actuacións relacionadas co eido portuario. O obxectivo, sinaláronlle ao secretario de Estado nunha xuntanza celebrada en Madrid no Ministerio para a Transición Ecolóxica, é “resolver con maior rapidez” cuestións que afectan á actividade dos profesionais da pesca do marisqueo e tamén das embarcacións deportivas de Galicia.

Un exemplo de accións nas que a tramitación administrativa é complexa desde o punto de vista medioambiental son as dragaxes dos portos para dotar de maior calado as dársenas.  En relación a estas actuacións, destacouse a necesidade de “buscar o modo de axilizar os trámites para resolvelos antes de que caduquen os estudos realizados”.

Na xuntanza o secretario de Estado explicou que o Goberno central publicará proximamente dous decretos que iniciaron a súa tramitación durante o goberno anterior e para os que Galicia remitiu as súas alegacións. Unhas alegacións que agradeceuxa que axudaron a mellorar os decretos. 

Ademais os representantes da Xunta propuxeron ao secretario de Estado a posibilidade de crear un grupo de traballo entre a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e os técnicos de Portos de Galicia co fin de estudar “os posibles aproveitamentos das acumulacións de area que que estanse a dar nos portos e nas zonas de explotación marisqueira para conseguir mellorar a produtividade das zonas e utilizar esa area para recuperar praias para toda a cidadanía”.