Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

APROBADOS OS DOCUMENTOS DE DELIMITACIÓN DE ESPAZOS E USOS PORTUARIOS DE RIBEIRA, MANIÑOS-BARALLOBRE E CANIDO

  • O Consello de Administración de Portos de Galicia ratificou os plans de usos que regulan a distribución da actividade en solo portuario 

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2019.- Os peiraos autonómicos de Ribeira, Maniños-Barallobre (Fene) e Canido (Vigo) teñen aprobados desde hoxe os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) que planifican e definen os usos previstos para cada unha das diferentes áreas da zona de servizo portuario, incluíndo os espazos de terra e auga. O Consello de Administración de Portos de Galicia ratificou na súa reunión desta mañá ditos plans, tras superar o trámite de exposición pública previa e o informe dos organismos competentes. 

A DEUP recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven ou poderán desenvolverse no futuro nas diferentes zonas que delimita dentro do dominio público portuario. Trátase dunha ferramenta necesaria para ordenar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, avanzando na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias. 

No referente aos documentos aprobados hoxe polo Consello de Administración de Portos de Galicia, no caso de Canido, trátase dunha modificación non substancial da DEUP de 2012. Esta actualización xorde da necesidade de crear unha nova área asignada ao uso pesqueiro que permita localizar o edificio da lonxa nunha posición óptima en función dos criterios urbanísticos e de explotación portuaria xerais. O documento finalizou o trámite de exposición pública en marzo de 2020 recibindo tres alegacións que foron resoltas favorablemente.

Polo que respecta á DEUP de Ribeira, esta delimitación permitirá unha utilización máis racional dos espazos xa que se valoran as posibilidades de desenvolvemento para as futuras actividades portuarias tendo en conta a existencia dunha ampla superficie de interacción porto-cidade. O documento recolle seis usos portuarios básicos: pesqueiro, náutico-deportivo, mixto, comercial, actividades complementarias e infraestruturas básicas. Foi sometido a información pública en abril de 2018 e solicitados informes do Concello de Ribeira, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Consellería do Mar; Secretaría Xeral para o Deporte, Demarcación de Costas en Galicia, Capitanía Marítima de Ribeira, Ministerio de Defensa, Ministerio do Interior e Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Finalmente, no caso de Maniños-Barallobre contémplanse cinco usos portuarios básicos:  pesqueiro, náutico-deportivo, mixto, actividades complementarias e infraestruturas básicas. O documento foi sometido a información pública en novembro de 2018 e solicitados informes  do Concello de Fene, Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Consellería do Mar; Demarcación de Costas en Galicia, Capitanía Marítima de Ferrol e Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.