Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

EFECTIVOS DE GARDACOSTAS E DE PORTOS DE GALICIA COLABORAN NA REFLOTACIÓN E RETIRADA DE DÚAS EMBARCACIÓNS NOS PEIRAOS DE MUROS E MUXÍA

  • Axentes de Gardacostas participaron o martes no porto de Muros nos traballos para evitar o afundimento do pesqueiro ‘Río Novo II’, unha embarcación que xa non estaba operativa e que o seu propietario retirou para evitar riscos no futuro
  • Os profesionais dos dous organismos contribuíron tamén á reflotación entre o mércores e o xoves da embarcación de lecer ‘Ana María Primera’, que estaba afundida no porto de Muxía

 

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2020.- Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e profesionais de Portos de Galicia colaboraron esta semana na reflotación e retirada do mar de dúas embarcacións afundidas ou en risco de afundir nos peiraos de Muros e Muxía (A Coruña). Os efectivos dos dous entes dependentes da Consellería do Mar supervisaron e participaron nos traballos realizados para que os propietarios puideran recuperar os barcos e retiralos da zona co obxectivo de evitar riscos para eles e para resto de usuarios destes dous portos.

Os axentes do Servizo de Gardacostas colaboraron o martes nos labores de reflotación do pesqueiro Río Novo II, que estaba a afundir no peirao de Muros como consecuencia do temporal de vento e chuvia rexistrado a noite anterior. Os traballos, que foron supervisados polo subdirector xeral do organismo dependente da Consellería do Mar, Lino Sexto, permitiron axudar ao propietario da embarcación a achicar a auga que había acumulada no seu interior e a que puidese recuperar a flotación.

Nas actuacións para recuperar o pesqueiro, que xa non estaba operativo desde había un tempo, tamén participou persoal da confraría de pescadores de Muros así como profesionais de Portos de Galicia, que fixeron un seguimento da intervención. Dado que a embarcación non estaba activa e carecía de combustible non seus tanques, non foi preciso despregar barreiras anticontaminación para evitar posibles fugas no peirao.

Unha vez completados os traballos de extracción da auga, o pesqueiro quedou estabilizado á espera de que o propietario procedese á súa retirada do mar para evitar novos riscos de afundimento. O mércores dous guindastres procederon a sacalo da auga e poñelo en seco de forma provisional á espera do seu traslado definitivo fóra do porto.

 

Embarcación de recreo

A esta actuación sumáronse entre o mércores e o xoves os labores para a reflotación da embarcación de lecer Ana María Primera, que estaba afundida no porto de Muxía. Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e persoal de Protección Civil da zona procederon a despregar dúas barreiras anticontaminación e esponxas absorbentes na súa contorna co obxectivo de atallar posibles verteduras na zona pois a embarcación tiña no seu interior arredor de 30 litros de combustible.

O propietario realizou as xestións necesarias para que a aseguradora se fixese cargo da súa recuperación e o xoves procedeu a retirar a embarcación da zona. Os traballos para a posta en seco da Ana María Primera supoñen mellorar a seguridade da navegación no interior do porto de Muxía e evitar riscos para o resto de usuarios do peirao.