Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA FINALIZA AS OBRAS DE EMERXENCIA NA LONXA DE CAMARIÑAS PARA REPARAR OS DANOS CAUSANOS POLO TEMPORAL

  • A actuación do ente dependente da Consellería do Mar contou cun investimento de máis de 110.000 euros e permitiu reparar a totalidade da cuberta do inmoble e os elementos para a súa sustentación
  • O acondicionamento do edificio supón reforzar a seguridade para o conxunto dos usuarios do peirao

 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de rematar as obras de acondicionamento e mellora da lonxa de Camariñas, que tiñan como obxectivo reparar os danos causados pola borrasca Elsa nestas instalacións portuarias o pasado 18 de decembro. Dita actuación, realizada con carácter de emerxencia, contou cun orzamento de máis de 110.000 euros.

As obras realizadas supuxeron a reparación da totalidade da cuberta, así como dos elementos de sustentación desta, e foron realizadas por trámite de emerxencia. Esta cuberta presentaba deficiencias e a súa reparación xa estaba sendo obxecto de tramitación, estando redactado o proxecto de substitución previamente aos danos causados polo temporal.

Deste xeito, a actuación comprendeu a instalación do material da cuberta, co correspondente illamento e protección do ambiente salino, así como as reparacións dos danos causados no interior como consecuencia da entrada de auga durante os temporais. As obras supoñen un reforzo para a seguridade dos usuarios do peirao e da propia lonxa.

Os fortes ventos rexistrados durante a borrasca Elsa provocaron o desprendemento de parte do teito da lonxa e da confraría de pescadores, o que derivou en goteiras no interior do inmoble e que se restrinxise a circulación no porto ante o risco para a seguridade das persoas. Unha vez realizados os primeiros traballos de urxencia, Portos de Galicia procedeu a tramitar o contrato da obra pola vía de emerxencia, que vén de rematar agora.