Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INICIA OS TRABALLOS DE INSTALACIÓN DUN RADAR NO PEIRAO DE MALPICA PARA COÑECER OS EFECTOS DAS ONDAS LONGAS

  • Os técnicos do ente público están a preparar a estrutura na que se colocará este dispositivo de medición nos vindeiros días
  • Este equipo súmase aos sensores instalados hai unhas semanas e permitirá facer medicións reais co obxectivo de buscar a mellor solución coa que mitigar os riscos derivados das correntes que se rexistran na dársena interior malpicá

 

Santiago, 17 de decembro de 2019.- Portos de Galicia iniciou hoxe os traballos para instalar no porto de Malpica un radar que permitirá facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e que axudará a valorar a axitación real do peirao para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude. Este dispositivo contribuirá a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados destas correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.

Os técnicos do ente dependente da Consellería do Mar están a preparar a estrutura e a instalación eléctrica para a colocación deste dispositivo, unha actuación que se realizará nos próximos días en canto as condicións meteorolóxicas o permitan. Este novo equipo de medición súmase aos sensores xa instalados nas últimas semanas co obxectivo de obter información sobre as elevacións da lámina de auga no interior da dársena principal do porto de Malpica e atopar a mellor solución aos problemas de seguridade deste peirao.

As ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretos que producen a resonancia na dársena para poder acometer as mellores solucións. Este novo dispositivo e o resto de estudos que están a facer os técnicos de Portos de Galicia desde comezos de ano servirán para definir o proxecto definitivo co que facer fronte aos riscos asociados á resonancia das ondas longas liberadas polos temporais no porto de Malpica.

A definición do proxecto definitivo é complexa pois as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior malpicá data do ano 1952. Por iso, os técnicos de Portos de Galicia visitaron o peirao en distintos días de temporal para observar o comportamento da comporta e a contorna da dársena e tomar todo tipo de datos.

Tralo accidente rexistrado neste peirao a finais de 2018, Portos de Galicia mantivo varias reunións coa confraría de pescadores local e coa familia do falecido e analizou os estudos e proxectos existentes en relación co abrigo do porto co obxectivo de aprobar as medidas máis adecuadas para evitar novos incidentes no futuro.

A maiores da instalación do radar, a través de Meteogalicia inclúese no proxecto MarRisk un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas. Todas estas accións permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica. Os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas intervencións que poden ser complementarias e serán as que se analicen no estudo das posibilidades de cara a incluílas no proxecto definitivo.