Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA MODIFICA A NORMATIVA DE AUTORIZACIÓN DE EVENTOS PARA FACILITAR A SÚA CELEBRACIÓN

  • A nova regulación prioriza a seguridade e compatibilidade destas actividades coas tarefas profesionais portuarias
 
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020.-  Portos de Galicia vén de modificar a normativa de ocupación de superficies portuarias con destino á celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas. A nova normativa clarifica a tipoloxía de eventos autorizados nas distintas zonas de solo de cada peirao para facilitar a súa organización e celebración. 
 
Con esta fin, a normativa zonifica o solo portuario segundo a súa actividade clasificándoo cun código de cores que representa o nivel de actividade allea á portuaria que pode acoller cada zona.  Así mesmo relaciona expresamente aqueles eventos que poden realizarse en cada unha destas zonas, permitindo unha maior planificación e garantías para os solicitantes e promotores de eventos. 
 
En determinadas superficies elimínase a restrición que ata o momento obrigaba a vincular os eventos a actividades relacionadas co mar permitindo un abanico máis amplo de celebracións. Así mesmo, reserva espazos sen actividades de ocio público por motivos de seguridade ou respecto á operatividade do sector profesional.
 
Entre as modificacións, introdúcese a posibilidade de solicitar eventos ou actividades recreativas programadas anualmente nun único trámite. Deste xeito poderase formalizar de forma única fianza e garantías, o que reducirá substancialmente os trámites no referente a festas patronais e outros eventos que se repiten ao longo do tempo. 
 
A modificación aprobada baséase na experiencia acumulada desde a publicación da normativa de espectáculos de Portos de Galicia en 2017 e a entrada en vigor da Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, buscando dar maiores garantías a esta actividade ineludible en moitos municipios.