Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia tramitou melloras nos peiraos autonómicos por importe de preto de 40 millóns de euros no último ano

  • A presidenta do ente público respondeu a unha pregunta sobre o balance das actuacións máis recentes na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2020.- Portos de Galicia xestionou actuacións relacionadas con servizos e obras portuarias por importe de preto de 40 millóns de euros no último ano. Así o trasladou a presidenta da devandita institución, Susana Lenguas, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta sobre o balance das actuacións máis recentes do organismo portuario. “Estas accións son froito da análise realizada por Portos de Galicia en relación ás necesidades máis importantes nos 122 portos de competencia autonómica e supoñen un importante esforzo en investimento para dotalos de instalacións que faciliten e melloren a operatividade portuaria”, subliñou a representante do organismo autonómico. 

Susana Lenguas explicou que as xestións realizadas redundan na mellora dos abrigos nos peiraos e dos pavimentos nos pantaláns con materiais ecolóxicos e máis duradeiros e con eles promóvese a mellora das condicións de traballo das mulleres e homes do mar así como da seguridade das súas embarcacións. Ao mesmo tempo, sinalou, sentan as bases para a definición completa das necesidades detectadas e a súa futura execución para dar o pulo preciso aos sectores pesqueiro e náutico, así como tamén ás embarcacións tradicionais. 

En canto ás principais actuacións, dos máis de 38 millóns de euros destinados a mellorar a operatividade portuaria, arredor de 25 millóns de euros xestionáronse en obras portuarias, parte delas formalizadas e en execución, onde figuran obras como a dragaxe do porto de Laxe ou o abrigo do porto de Burela. A outra parte son aquelas obras contratadas, licitadas ou en trámites de licitación, onde aparecen actuacións como o edificio de departamentos para usuarios no porto de Rianxo, entre outras, e tamén inclúe as obras executadas por emerxencia como as derivadas dos danos ocasionados polos temporais, por exemplo na lonxa de Camariñas e nos portos de Mera e Barallobre. 

A cantidade restante, máis de 13 millóns de euros, correspóndese coa xestión de servizos en contratación a través de distintos procedementos. Neste apartado inclúense asistencias técnicas para atender diferentes proxectos de acondicionamento e mellora das instalacións, as ampliacións de estudos ambientais e caracterización de materiais de dragaxe, actuacións de reordenación de tráfico, sinalización e elaboracións de pregos, entre outros. Tamén accións relacionadas co control de accesos e inspección portuaria nos portos comerciais de titularidade autonómica da Pobra do Caramiñal, Ribeira, Brens, Cariño, Celeiro, Burela, Laxe e Ribadeo. Ademais enmárcanse nesta parte proxectos e estudos que poñen a primeira pedra e confirman o compromiso de futuras actuacións que farán avanzar as infraestruturas portuarias de Galicia e lle darán o pulo preciso aos sectores pesqueiro e náutico.

Todas estas accións de mellora e mantemento dos portos buscan responder ás necesidades das instalacións portuarias e poñelas en valor coa finalidade de impulsar a competitividade, e eficiencia e a sustentabilidade dos peiraos autonómicos.