Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

SUSANA LENGUAS TRASLADA Á CONFRARÍA DE MALPICA OS AVANCES NO ESTUDO DO COMPORTAMENTO DAS CORRENTES NA DÁRSENA INTERIOR DO PORTO

Malpica (A Coruña), 23 de xullo de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, amosou hoxe ao patrón maior da confraría de Malpica, Pedro Pérez, a versión inicial do modelo dixital que reproduce o comportamento do fluxo da auga na zona da dársena malpicá. Esta ferramenta forma parte dos traballos que está a realizar o ente público dependente da Consellería do Mar no estudo da incidencia das ondas longas asociadas aos temporais na zona de entrada á dársena interior e no conxunto do peirao de Malpica co obxectivo de determinar cales son as actuacións máis axeitadas para mellorar a seguridade no acceso a este porto coruñés.

Así llo trasladou a presidenta de Portos de Galicia nunha reunión técnica mantida hoxe co patrón maior e co secretario do pósito deste concello na que Susana Lenguas explicou que este modelo dixital é froito das medicións realizadas e as mostras tomadas desde comezos de ano na zona da dársena e que supón o punto de partida que servirá para analizar as posibles futuras accións na dársena e a súa efectividade. Tamén axudará na toma de decisións, dado que os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas opcións, como a rebaixa da canle de acceso na comporta para gañar calado, a eliminación de rebordes que distorsionan as correntes nesta canle, a ampliación do martelo do dique ou a construción dun contradique na zona de terra.

Estas opcións están sendo estudadas en profundidade polos técnicos do ente público, pois actuacións como a ampliación do dique teñen unha gran complexidade, tanto en trámites como en impacto, e poden derivar en afectacións non previstas inicialmente que é preciso verificar con estudos de correntes e ondaxe, de aí a importancia de contar de ferramentas como o modelo dixital presentado hoxe á confraría. Ademais hai que ter en conta que o peirao de Malpica é unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos tanto polas dificultades de saída e entrada como polas correntes que se xeran no seu interior.

A reunión técnica de hoxe, trala que se realizou unha visita ao peirao, súmase a diferentes encontros mantidos nos últimos meses entre os técnicos de Portos de Galicia e a confraría de pescadores de Malpica de cara a verificar a procedencia das medidas adoptadas e outros aspectos necesarios para mellorar a seguridade no peirao malpicán.