Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

A REDE NÁUTICA INTERNACIONAL PASSEPORT ESCALES XEROU UN VOLUME DE NEGOCIO APROXIMADO DE MEDIO MILLÓNS DE EUROS NA CONTORNA DOS PORTOS DEPORTIVOS GALEGOS NO QUE VAI DE ANO

  • Os peiraos deportivos da comunidade adheridos á rede rexistraron neste ano preto de 1.910 visitas
  • As dársenas de Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, A Pobra, Cabo de Cruz, Rianxo, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Cangas e A Coruña forman parte desta iniciativa que promove rutas de navegación no Arco Atlántico

A rede náutica internacional Passeport Escales xerou un volume de negocio aproximado de medio millón de euros no que vai de ano nos portos deportivos galegos e nas vilas que os acollen. Estas cifras de actividade recóllense no informe de actividade presentado esta mañá pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana, ao Consello da Xunta.

Entre xaneiro e setembro deste ano, a rede impulsou un total de 1.910 pernoitas nos portos deportivos galegos. En concreto, as ditas estancias producíronse nos 15 portos autonómicos que se atopan actualmente adheridos á rede como son: Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, Sada, A Pobra, Cabo de Cruz (Boiro), Rianxo, Portonovo, Sanxenxo, Combarro (Poio) e Cangas; e nas dúas mariñas da Coruña, pertencentes á Portos do Estado.

A cifra de chegadas estranxeiras aos peiraos de Passeport Escales amosa o pulo que esta iniciativa aporta ás instalacións náuticas galegas, ao incluír a nosa comunidade nas rutas de navegación no Arco Atlántico que promove. En concreto, a rede fomenta itinerarios entre Gran Bretaña, Francia e norte de España –Galicia e País Vasco-, achegando facilidades e incentivos económicos para os navegantes á hora de recalar nos peiraos membros.

Porto a porto, o número de estancias vinculadas á Passeport Escales durante este ano foi o seguinte: Ribadeo, 200; Viveiro, 224; Ares,52; Camariñas, 119; Muxía, 106; Muros, 207; Portosín, 78; A Pobra, 88; Cabo de Cruz, 53; Portonovo, 35; Sanxenxo, 29; Sada, 29; Rianxo, 23; Combarro, 85;  Cangas, 53; Marina Coruña, 228; e Club Náutico da Coruña, 273.

Segundo explican os responsables da rede, creada pola entidade francesa Compañía de Morbihan e á que Galicia pertence dende o ano 2014, estímase que o volume de negocio que xera para o sector náutico, auxiliar, hostalería, restauración e servizos cada pernoita é de entre 200 e 500 euros polo que, como mínimo, o volume de negocio xerado en Galicia neste ano estaría no medio millón de euros.

O informe recolle tamén que Galicia é a comunidade autónoma con máis portos adheridos á rede e que funciona ademais como ponte para incorporar portos portugueses. A adhesión de peiraos deportivos autonómicos á Passeport Escales foi promovida por Portos de Galicia a raíz dos contactos establecidos nos diferentes eventos promocionais de náutica nos que está presente o ente público como o Grand Pavois celebrado recentemente na localidade francesa de La Rochelle ou o Southampton Boat Show no que estivo presente tamén o ente público.

A Passeport Escales agrupa a oferta de prazas dos portos adheridos ofrecendo diversas vantaxes aos seus usuarios. Entre elas, ofrece facilidades para a xestión da reserva de prazas a distancia, unha guia informativa sobre os portos incluídos e zonas de navegación, un foro para clientes e diferentes aplicacións informáticas. Xunto a isto, o principal reclamo para a captación de navegantes radica na gratuidade de parte das pernoitas que os usuarios realicen nos portos adheridos, cun máximo de dúas noites gratis por escala. A facturación dende o porto de escala realízase ao porto base e non directamente ao usuario, para maior comodidade do navegante.