Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

A REDE NÁUTICA INTERNACIONAL PASSEPORT ESCALES XEROU UN VOLUME DE NEGOCIO APROXIMADO DE 300.000 EUROS NA CONTORNA DE 14 PORTOS DEPORTIVOS AUTONÓMICOS DURANTE O 2016

  • Os peiraos deportivos galegos adheridos á rede rexistraron no pasado exercicio preto de 1.500 visitas
  • As dársenas de Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, A Pobra, Cabo de Cruz, Rianxo, Portonovo, Sanxenxo, Combarro, Cangas e A Coruña forman parte desta iniciativa que promove rutas de navegación no Arco Atlántico
  • Os responsables do proxecto e o presidente de Portos de Galicia mantiveron esta mañá unha reunión coas entidades participantes para establecer liñas de traballo de futuro

Santiago, 14 de febreiro de 2017.- A rede náutica internacional Passeport Escales xerou un volume de negocio aproximado de 300.000 euros ao longo do 2016 nos 14 portos deportivos galegos adscritos e as vilas que os acollen. Estas cifras de actividade foron presentadas en rolda de prensa esta mañá polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, logo dunha reunión entre os responsables do ente público, o coordinador da rede internacional, Gildas Mottais, e os directivos das entidades náuticas galegas adheridas, para establecer liñas de traballo de futuro.
Entre xaneiro e decembro de 2016, a rede impulsou un total de 1.448 pernoctas nos portos deportivos galegos. Estas estancias producíronse nos 14 portos autonómicos que se atopan actualmente adheridos á rede como son Ribadeo, Viveiro, Ares, Camariñas, Muxía, Muros, Portosín, A Pobra, Cabo de Cruz (Boiro), Rianxo, Portonovo, Sanxenxo, Combarro (Poio) e Cangas; e nas dúas mariñas da Coruña, pertencentes a Puertos del Estado. Ademais está prevista a próxima adhesión das dársenas de Sada e Vilanova de Arousa.
A cifra de chegadas estranxeiras aos peiraos de Passeport Escales amosa o pulo que esta iniciativa aporta ás instalacións náuticas galegas ao incluír á nosa comunidade nas rutas de navegación no Arco Atlántico que promove. En concreto, a rede fomenta itinerarios entre Gran Bretaña, Francia e norte de España –Galicia e País Vasco- aportando facilidades e incentivos económicos para os navegantes á hora de recalar nos peiraos membros.
Porto a porto, o número de estancias vinculadas á Passeport Escales durante este ano foi o seguinte: Ribadeo, 163; Viveiro, 204; Ares,40; Camariñas, 79; Muxía, 85; Muros, 179; Portosín, 49; A Pobra, 60; Cabo de Cruz, 43; Portonovo, 35; Sanxenxo, 23; Combarro, 77;  Cangas, 28; Marina Coruña, 164; e Club Náutico da Coruña, 213. Segundo explicaron os responsables da rede, creada pola entidade francesa Compañía de Morbihan e á que Galicia pertence dende o ano 2014, estímase que o volume de negocio que xera para o sector náutico, auxiliar, hostalería, restauración e servizos cada pernocta é de entre 200 e 500 euros polo que, como mínimo, o volume de negocio xerado en Galicia neste ano situaríase arredor dos 300.000 euros.
Durante a presentación dos datos, os responsables de Passeport Escales confirmaron que Galicia é a comunidade autónoma con máis portos adheridos á rede e que funciona ademais como ponte para incorporar portos portugueses. A adhesión de peiraos deportivos autonómicos á Passeport Escales foi promovida por Portos de Galicia a raíz dos contactos establecidos nos diferentes eventos promocionais de náutica nos que está presente o ente público como o Salón Náutico de París ao que Portos acude anualmente.
A Passeport Escales agrupa a oferta de prazas dos portos adheridos ofrecendo diversas vantaxes aos seus usuarios. Entre elas, ofrece facilidades para a xestión da reserva de prazas a distancia, unha guía informativa sobre os portos incluídos e zonas de navegación, un foro para clientes e diferentes aplicacións informáticas. Xunto a isto, o principal reclamo para a captación de navegantes radica na gratuidade de parte das pernoctas que os usuarios realicen nos portos adheridos, cun máximo de dúas noites gratis por escala. A facturación dende o porto de escala realízase ao porto base e non directamente ao usuario, para maior comodidade do navegante.