Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA E TURISMO DE GALICIA IMPULSAN A CAPTACIÓN DE CLIENTES NÁUTICOS NA FEIRA GRAND PAVOIS DE LA ROCHELLE, EN FRANCIA

A Administración autonómica coordina ademais a presenza dos xestores dos portos deportivos galegos no evento e promocionará a iniciativa Cruceiros Costeiros 

 

Santiago, 28 de setembro de 2017.- Portos de Galicia e Turismo de Galicia participan un ano máis no salón sectorial Grand Pavois de La Rochelle como iniciativa de impulso á captación de clientes náuticos internacionais para as instalacións deportivas dos peiraos galegos. Ambos organismos autonómicos contan dende hoxe cun stand no evento que se celebra na localidade francesa e manterán unha axenda de reunións e actividades promocionais durante os vindeiros días.

 

Coa súa presenza na feira, a Administración autonómica coordina ademais a asistencia das entidades xestoras de instalacións náutico recreativas galegas nunha das principais citas náuticas europeas. Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia aproveitará a presenza no salón para dar a coñecer a iniciativa Cruceiros Costeiros que o ente público ten en marcha por segundo ano consecutivo en colaboración con Turismo de Galicia.

 

O Grand Pavois, celebrado por primeira vez en 1973, aglutina aos principais operadores do sector náutico recreativo de todo o mundo. Neste marco, Portos e Turismo impulsan a promoción da oferta de turismo náutico na nosa comunidade mediante a súa presenza institucional no evento. Xunto aos departamentos autonómicos, a comitiva galega reúne a representantes municipais e operadores dos principais portos deportivos dependentes da Xunta de Galicia.

 

A proposta de Portos de Galicia baséase no establecemento de sinerxías entre os diferentes peiraos autonómicos para unir o conxunto das potencialidades náuticas da nosa comunidade nunha oferta comercial común. Con esta finalidade os axentes e operadores do sector están a avanzar nas diferentes especializacións de cada un de xeito que poidan integrarse nunha proposta global máis competitiva de cara ao exterior.

 

O obxectivo último da representación galega no Grand Pavois pasa polo establecemento de contactos comerciais e posibilidades de negocio internacional entre as entidades náuticas galegas e outras presentes na feira, nomeadamente as do sur de Francia, Reino Unido e Europa mediterránea. Con este fin, Portos de Galicia e Turismo afondarán de novo nesta edición nas relacións empresariais xa perfiladas coa presencia na cita en anos anteriores.