Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA PRESENTA A NOVA EDICIÓN DA GUÍA BÁSICA DE SERVIZOS NÁUTICOS CON TRES NOVOS PEIRAOS DEPORTIVOS

  • Esta versión inclúe as dársenas de Rianxo, Cesantes e A Toxa, así como os itinerarios da iniciativa Cruceiros Costeiros enmarcada no programa europeo Ecodestin

  • Edítase en 4 idiomas e está dispoñible en PDF na páxina web do ente público

 

Santiago, 8 de setembro de 2017.- Portos de Galicia vén de elaborar unha nova edición da guía náutica de servizos básicos para a navegación no ámbito do global do litoral galego. O presidente do ente público, José Juan Durán, presentou esta mañá a nova versión do documento nas instalacións do Club de Mar Isla de La Toja, xestor do peirao da Toxa, un dos que se engaden nesta edición ás referencias recollidas nas versións anteriores.

 

“O ente público, como titular dos peiraos de titularidade autonómica recolle nesta publicación as características do total das instalacións náutico recreativas da nosa comunidade e das 15.000 prazas para embarcacións náuticas das que dispoñemos” explicou Durán. Ademais, insistiu en que “esta publicación é unha ferramenta máis para que os navegantes que surcan a costa de Galicia poidan dispor dunha maneira concisa e gráfica das instalacións náutico recreativas como un elemento máis que facilite información sobre os portos”.

 

Esta publicación, que supón a materialización dunha das accións estratéxicas contempladas no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a desenvolver, ten como obxectivo funcionar como reclamo e outorgar maiores facilidades a navegantes do propio ámbito autonómico e foráneos. Dado o tipo de uso que se pretende del, tratarase dunha publicación de formato cómodo e de fácil manexo. Así mesmo, a nova Guía Básica de Servizos Náuticos estará tamén dispoñible incluída na páxina web do ente publico na súa versión en formato dixital, co obxecto de chegar ao maior número de clientes. Tamén con este obxectivo a publicación edítase en catro idiomas: galego, español, francés e inglés.

 

Novidades no contido

As dársenas incluídas nesta nova edición da Guía Básica de Servizos Náuticos de Galicia foron seleccionadas en funcións das súas características, dimensións, nivel de actividade e oferta de servizos, que superan os requisitos mínimos para configurarse como portos deportivos. Respecto á primeira edición, esta guía inclúe como novidade as instalacións náutico deportivas de Rianxo, Cesantes (Redondela) e A Toxa (O Grove) que corresponden aos clubs náuticos de Rianxo, Illa de San Simón e Isla de La Toja, respectivamente, este último de nova creación.

 

Como novidade figura tamén a inclusión das rutas en catamarán e a vela polas rías de Vigo, Arousa e Pontevedra, pertencentes ao programa de cruceiros costeiros levados a cabo polo ente público Portos de Galicia, dentro do Proxecto Europeo Ecodestin para a promoción e impulso da náutica na nosa comunidade e a rexión norte de Portugal.

 

Finalmente, na súa intervención, o presidente de Portos subliñou tamén que “cómpre clarexar, que a maiores dos peiraos que figuran nesta lista, o litoral galego dispón doutras instalacións náutico recreativas en activo con menor capacidade e oferta de servizos, que se integran en peiraos multifuncionais, nos que a actividade náutica convive con outras como a pesqueira ou a comercial”. Estas instalacións non se recollen polo momento na guía, aínda que Portos de Galicia está a traballar para facelo na súa correspondente categoría nunha futura edición da guía.