Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA REVISA E REPARA PRETO DE MEDIO CENTENAR DE SINAIS DE BALIZAMENTO MARÍTIMO

  • Con esta actuación mellóranse as condicións de seguridade para a navegación das embarcacións, especialmente nas bocanas de acceso aos peiraos

Pontevedra, 9 de xaneiro de 2018.-  Portos de Galicia vén de revisar e reparar medio centenar de sinais de balizamento marítimo das case 400 instaladas en terra na contorna dos peiraos de titularidade autonómica. Con esta actuación o ente público reforza as condicións de seguridade para a navegación das embarcacións que acceden aos portos galegos. Así o trasladou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo en Pontevedra, a provincia na que máis actuacións se desenvolveron. 

En xeral, a maioría destas reparacións consistiron na instalación ou cambio de lanternas, avariadas. Así mesmo, cambiáronse os cargadores e baterías en varias balizas, instaláronse novos postes e substituíronse outro tipo de elementos de menor envergadura en casos puntuais. Así mesmo, substituíuse o total da baliza nalgún caso debido aos desperfectos ocasionados sobre todo polos temporais. 

En concreto, as boias reparadas están instaladas nos espazos portuarios das tres provincias galegas. Na provincia de Pontevedra, reparáronse sinais nos portos de Aldán (Cangas), Beluso (Bueu), Moaña, Tragove (Cambados), A Guarda, Panxón (Nigrán), Pedras Negras (O Grove) e Vilanova de Arousa. En canto á provincia da Coruña, efectuáronse actuacións nos portos de Santa Marta de Ortigueira, Brens-Cee, Palmeira (Ribeira), Castiñeiras (Ribeira), Escarabote (Boiro), Portosín (Porto do Son), Portocubelo (Carnota), A Pobra do Caramiñal, Camelle (Camariñas) e Mugardos. Finalmente, na provincia de Lugo actuouse en Ribadeo, San Cibrao, Burela e Celeiro-Viveiro. 

Cómpre sinalar que a grande maioría destas boias reparadas son boias vermellas e verdes que se sitúan para delimitar as bocanas de acceso aos portos. Deste xeito, facilítase á navegación na entrada e saída dos peiraos e redúcense os riscos para tripulantes e embarcacións.