Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia abre o prazo de presentación de ofertas para as obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña

  • A Entidade Pública vén de iniciar a licitación dos traballos en Muros, Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Miño, Betanzos e Corcubión cun orzamento de 1,5 millóns de euros
  • As actuacións no peirao de Muros contan cun investimento de 120.000 euros e inclúen a ampliación do pantalán de embarcacións tradicionais, entre outras intervencións

Visita ó peirao de MurosMuros (A Coruña), 22 de xullo de 2020.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, acopañada pola conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou hoxe o peirao de Muros, onde se anunciou que Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña. Con este trámite queda aberto o prazo de presentación de ofertas para os licitadores, que poden acceder ás bases do procedemento na plataforma Contratos de Galicia.  

O ente público contratará a través deste concurso un total de oito actuacións nos peiraos de Muros, Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Miño, Betanzos e Corcubión. O orzamento total da licitación ascende a 1,5 millóns de euros.

No caso de Muros, o investimento é de 120.000 euros e as actuacións consisten na renovación integral dos pavimentos de madeira dos fingers, a ampliación do pantalán de embarcacións tradicionais cun módulo máis -co que se crearán cinco novas prazas-, a instalación de tres novos fingers, a implantación dun sistema de apertura de portas con móbil, a colocación de escaleiras abatibles para subir aos pantaláns e a reparación de elementos menores así como o saneamento e limpeza xeral das instalacións.

As obras no resto de portos tamén consistirán na reforma integral dos pantaláns e estruturas aboiantes das citadas dársenas, co obxectivo de facer fronte ás deficiencias provocadas polo seu uso, e a súa contratación realízase nun lote único agrupado. Ao orzamento de 120.000 euros do caso de Muros súmanse os seguintes no resto de portos: 77.000 euros en Corme, 244.000 euros en Pontedeume, 288.000 euros en Fisterra, 443.000 euros no Freixo, 235.000 euros en Miño, 15.000 euros en Betanzos e 36.000 euros en Corcubión.

Tal como figura nas bases do concurso no perfil do contratante, o prazo de presentación de ofertas por parte dos licitadores permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de agosto. O obxectivo final destas actuacións é facilitar o traballo diario dos usuarios e aumentar a competitividade das infraestruturas portuarias galegas coa finalidade de que poidan mellorar os seus resultados.