Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia inviste catro millóns de euros na remodelación integral do bordo portuario do Concello de Porto do Son

  • A Presidenta de Portos de Galicia xunto coa conselleira do Mar en funcións visitaron as obras de acondicionamento da contorna portuaria de Porto do Son
  • As actuacións afectan a un total de 26.000 metros cadrados da franxa marítima e contan cun prazo de execución de 18 meses

Visita ás obras de remodelación do Porto do SonPorto do Son (A Coruña), 26 de agosto de 2020.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe as obras de remodelación integral do bordo portuario de Porto do Son, nas que Portos de Galicia investirá catro millóns de euros e que suporán a intervención nunha superficie total de 26.000 metros cadrados ao longo de toda a franxa marítima da localidade.

Estas melloras, que contan cun prazo de execución de 18 meses, pretenden favorecer a integración do porto na vila facilitando o labor dos usuarios do peirao e facendo a zona máis atractiva para os veciños e visitantes.

Neste senso o obxecto fundamental desta actuación é humanizar o bordo portuario e abrir o municipio ao mar, de xeito que se creen amplas zonas para o aproveitamento e desfrute dos veciños na franxa litoral.

A actuación inclúe a habilitación de varias zonas de integración porto-cidade, a reorganización das vías de circulación (cun novo trazado e novos materiais de execución) e a creación dun edificio de servizos náuticos e portuarios nas inmediacións do dique.

A presidenta de Portos de Galicia estivo acompañada pola conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, quen destacou que a remodelación da fachada marítima permitirá un cambio moi destacable no aspecto do bordo portuario pois todas as rúas que cruzan a vila cara ao porto quedarán rematadas en pavimento de pedra para mellorar a súa integración co propio espazo portuario. A maiores, a obra inclúe unha rotonda en pedra á que se trasladará o emblemático hórreo de Porto do Son.

Así mesmo nesta visita subliñouse que todas as actuacións de Portos de Galicia buscan dar servizo ao porto, pero tamén facer que a súa contorna sexa agradable para os usuarios e incidiuse en que no caso de Porto do Son se manterá a súa esencia, conservando os seus sinais patrimoniais e de identidade, ao tempo que se converterá nunha vila máis humana e accesible para os veciños e visitantes.

Do mesmo xeito os traballos no bordo portuario da localidade buscan tamén contribuír a xerar emprego e riqueza na zona pois mellorarán os servizos aos usuarios e aumentarán o seu interese e o seu atractivo turístico.