Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos de Galicia compromete o seu apoio á iniciativa Slowlight por unha iluminación pública sostible

  • O ente ratifica as propostas do manifesto xurdido co gallo do Día da Luz e baseado no uso racional do recurso e o seu tratamento como servizo público    

Porto no luscofuscoSantiago de Compostela, 29 de agosto de 2020 - Portos de Galicia vén de comprometer o seu apoio á iniciativa ambiental Slowlight por unha iluminación pública sostible a través da asunción dos principios recollidos no manifesto fundacional da asociación xurdido co gallo do Día da Luz. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, manifestou nunha recente reunión co presidente da asociación Slowlight o seu compromiso coa proposta, que ten como obxectivo a xeración dunha nova cultura de iluminación pública.

Susana Lenguas lembrou que Portos de Galicia ten entre os seus eixos de xestión a defensa da contorna e o medio ambiente nos espazos portuarios e trasladou a súa decisión de abrir unha liña de traballo e de colaboración con Slowlight para, neste marco, avanzar no uso racional da iluminación portuaria.

O manifesto Slowlight fai un chamamento ás administracións públicas para reaccionar ante a contaminación lumínica, tanto por ser titulares de redes de iluminación como pola súa capacidade reguladora e normativa. Neste sentido, Portos de Galicia ratifica o seu compromiso e elaborará, en coordinación coa asociación, medidas encamiñadas a acadar unha iluminación sustentable que, segundo figura no citado manifesto, supón un menor consumo enerxético, aforro de custes e unha menor pegada de carbono, proporcionando un ambiente máis confortable.

No caso concreto dos espazos portuarios, a liña de traballo a prol da eficiencia enerxética recollerá aspectos como o estudo das necesidades de iluminación nocturna en cada zona do porto, horarios de maior intensidade ou emprego de alternativas tecnolóxicas que permitan combinar a resposta ás necesidades dos usuarios dos portos coa racionalización enerxética.