Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

GALICIA MOSTRA NA FEIRA BOOT DÜSSELDORF A SÚA OFERTA NÁUTICA DE CALIDADE E ENXALZA A SÚA SITUACIÓN ESTRATÉXICA PARA CAPTAR TRÁNSITOS

  • A presidenta de Portos de Galicia mantivo esta semana numerosos contactos con profesionais do sector para promocionar a comunidade como destino do turismo náutico do norte de Europa
  • A rede autonómica de peiraos deportivos  dispón de máis de 10.200 prazas de amarre, das que arredor de 1.000 estarían dispoñibles para o tránsito, polo que a Xunta ve marxe para absorber novos tránsitos

Santiago, 24 de xaneiro de 2020.- A Xunta está a traballar para promocionar Galicia como destino do turismo náutico do norte de Europa e Portugal e con ese obxectivo a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta semana numerosos contactos con profesionais do sector no marco do salón Boot Düsseldorf, que reúne durante esta semana a expertos e afeccionados do mercado náutico na cidade alemá.

Nesta feira, na que a Xunta está representada polas Consellerías de Cultura e Turismo e do Mar -coa presenza de Portos de Galicia-, a presidenta do ente público mantivo xuntanzas con representantes doutras mariñas e asociacións náuticas tanto españolas como europeas e empresas subministradoras de axudas á navegación, de distintos equipamentos para mariñas ou servizos náuticos, entre outras.

A delegación galega puido coñecer outras realidades da náutica deportiva, novos equipamentos, mostrar o potencial de acollida dos portos, mariñas secas e talleres de Galicia e promocionar a comunidade como punto de acceso co obxectivo de aumentar o número de tránsitos con orixe fóra da comunidade para que os atraques nos portos galegos contribúan a dinamizar os núcleos urbanos a través do mar. A finalidade é atraer clientes do norte de Europa e empregar Galicia como porto base xa que as rías galegas ofrecen posibilidades de navegación ao longo de practicamente todo o ano.

O conxunto de peiraos deportivos autonómicos dispón, nas súas distintas modalidades de explotación, de máis de 10.200 prazas de amarre, das que arredor de 1.000 estarían dispoñibles para o tránsito e o resto para porto base de embarcacións. Este feito favoreceu que o número total de tránsitos nas distintas instalacións galegas en 2018 -último dato pechado- superase os 10.000, cunha estancia media próxima aos dous días por peirao, polo que Portos de Galicia considera que aínda hai marxe para absorber novos tránsitos.  

En distintos encontros mantidos no posto que comparten Portos de Galicia e Turismo de Galicia na feira, de 16 metros cadrados de superficie,  presentouse a oferta náutica galega a todos os interesados de distintas nacionalidades -belgas, holandeses, alemáns, suízos, franceses e italianos, entre outros- enxalzando a calidade dos servizos e a situación estratéxica de Galicia nas rutas de navegación de norte a sur de Europa.

O ente público tamén mantivo no marco do salón náutico unha reunión de traballo con representantes das dúas asociacións de portos deportivos e mariñas de Galicia co obxectivo de planificar distintas actividades de cara ao Xacobeo 2021. Neste sentido, acordouse colaborar para avanzar na planificación de dúas rutas xacobeas desde o norte e o sur, orientar os seus esforzos a captar eventos internacionais e outras actuacións neste eido.

A presidenta de Portos de Galicia tamén asistiu á presentación do proxecto Sail the Way (Navega o Camiño), unha iniciativa que vai pola súa quinta edición e que arrancará en xullo desde La Rochelle (Francia) para facer o Camiño de Santiago a vela.

 

Participación en eventos
A Boot Düsseldorf é un dos eventos internacionais máis importantes do sector náutico e que o ano pasado contou con máis de 250.000 visitantes e 2.000 expositores. A participación neste salón enmárcase no calendario anual do Goberno galego para a promoción do turismo náutico neste sector.

De feito, ao longo do ano 2020 está previsto que a Xunta participe nos certames Southampton Boat Show 2020, entre os días 11 e 20 de setembro, e en Le Grand Pavois de La Rochelle, que se celebrará entre os días 29 de setembro e 4 de outubro. O peche da promoción internacional da oferta náutica galega será no Salón Nautique de París, entre os días 5 e 13 de decembro, no que é un dos mercados máis especializados do mundo.