Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA AFONDA NA FIDELIZACIÓN DE CLIENTES NÁUTICOS BRITÁNICOS NO SALÓN “SOUTHAMPTON BOAT SHOW”

O ente público coordina a presenza por primeira vez de entidades e institucións galegas no evento e avala a presentación da travesía Navega o Camiño
 
Santiago, 17 de setembro de 2018
.- Portos de Galicia está a traballar na fidelización de clientes náuticos no mercado británico para as instalacións náutico recreativas galegas. Con este obxectivo, o ente público está presente estes días no salón Southampton Boat Show, en dita localidade inglesa, onde promociona a oferta da nosa comunidade e coordina a presenza doutras entidades náuticas e institucións galegas.
 
Dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar, o ente público está a establecer contactos comerciais con empresas e asociacións estranxeiras. Unha vez establecidos contactos comerciais con asociacións e empresas de países como Francia, Alemaña e Irlanda, Portos pretende agora afondar no mercado británico coa participación por segundo ano consecutivo  no salón de Southampton.
 
Neste marco, o presidente de Portos de Galicia acompaña aos representantes de clubes náuticos galegos e outras administracións na promoción das súas instalacións. Así, estase a resaltar o potencial dos portos deportivos de Boiro, a través da presenza tamén do alcalde do municipio; e de Viveiro, Camariñas, Muxía e Ribadeo, entre outros por medio dos seus xestores e información promocional presente na feira. Así mesmo, o posto da Xunta de Galicia acollerá a presentación da Travesía Náutica “Navega o Camiño” impulsada por Northwest Marinas, onde se integran Marina Viveiro e Marina Coruña. 
 
Na celebración do salón naútico, o presidente de Portos de Galicia está a afondar na apertura de novos mercados no ámbito da náutica recreativa a través de entrevistas con colectivos que aglutinan a numerosas entidades de navegantes inglesas, como é o caso de MDL Marines –con 22 entidades integradas- e asociacións de expertos dos sector cos que se prantexa a posibilidade de organizar regatas dende as costas británicas ata Galicia. Así mesmo, está a afondar en contactos con entidades británicas de destacada importancia no ámbito dos distintivos de calidade como The Yacht Harbour Association, responsable dos galardóns Gold Anchor, cos que contan os peiraos de Combarro (Poio) e Monte Real Club de Iates de Baiona.