Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA ALONGA O PERIODO PARA SOLICITAR A AMPLIACIÓN DE PRAZO DAS CONCESIÓNS ANTERIORES A 2014

  • O ente público prorroga a posibilidade de solicitude desta tramitación administrativa ata o 1 de setembro pola crise sanitaria

 

Santiago, 7 de xuño de 2020.-  Portos de Galicia ven de aprobar a prórroga do prazo administrativo de dous anos para solicitar a ampliación da vixencia das concesións portuarias anteriores ao Real Decreto Lei 8/2014, do 4 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia. Este prazo quedara en suspenso o 14 de marzo debido a crise sanitaria provocada pola covid 19.

Toda vez que o pasado 1 de xuño o Congreso dos Deputados aprobou a derogación da suspensión de prazos administrativos e ao no supor excepción este caso, dende dita data Portos de Galicia ten reaberto o prazo mencionado, que rematará finalmente o vindeiro 1 de setembro deste ano.

Ata esta data, os concesionarios interesados en exercer a opción de prórroga ou ampliación do prazo de concesión poderán solicitalo a Portos de Galicia seguindo a información e documentación que atoparán ao seu dispor na páxina web do ente público.

Esta medida pretende garantir unha maior estabilidade económica para os concesionarios que operan nos portos de titularidade autonómica para facilitar maior seguridade de cara o investimento nestas instalacións.