Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA AVANZA NA DEFINICIÓN DO TRÁMITE DE REVERSIÓN DE ESPAZOS PORTUARIOS EN COLABORACIÓN COA FEGAMP

Santiago, 14 de febreiro de 2019.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, participou esta mañá na terceira xuntanza do grupo de traballo entre Xunta e Fegamp para a avaliación e tramitación no seu caso, das peticións dos diferentes concellos costeiros respecto aos espazos portuarios de titularidade autonómica que non teñen uso portuario efectivo.

Neste novo encontro, revisáronse os criterios técnicos que rexerán as posibles reversións de terreos ao Estado, o seu titular inicial, segundo solicitaron unha ducia de concellos costeiros. Neste sentido, Portos de Galicia puxo de manifesto a súa vontade de flexibilizar os trámites sempre dentro dos límites que fixa a lexislación sectorial neste sentido.

Entre as conclusións da xuntanza de hoxe, Portos propuxo que, unha vez fixados os parámetros técnicos que rexerán os trámites administrativos, o grupo de traballo comece a traballar xa na tramitación de reversións concretas cuxa solicitude xa foi presentada en Portos a través da Fegamp. Para iso, será o organismo que aglutina aos concellos galegos o que proporá os casos concretos.

O grupo de traballo está formado por distintos departamentos da Xunta (das consellerías de Vicepresidencia, Facenda e Mar) e é o foro habilitado por Portos de Galicia para tramitar as peticións municipais relativas a espazos portuarios.