Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia consensúa cos consignatarios da Pobra do Caramiñal opcións de mellora para os traballadores da estiba

  • O ente público presentou un proxecto dun edificio para vestiarios e abre a posibilidade de concesionar o solo para que as empresas instalen casetas propias

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2020.- Portos de Galicia está a traballar na mellora das condicións de traballo dos operarios da estiba do porto da Pobra do Caramiñal. Para elo, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, vén de abordar esta mesma mañá cos consignatarios que operan no porto e empregan ao persoal de estiba as posibilidades construtivas para a mellora dos vestiarios, responsabilidade das propias empresas, pero coa que o ente público quere contribuír na medida das súas competencias. Ademais, nas últimas semanas Lenguas Gil mantivo varios encontros cos consignatarios e o alcalde do municipio tanto na sede do ente público como no propio porto pobrense.

Nestas reunións de traballo, Lenguas Gil presentou aos consignatarios as alternativas viables para mellorar o espazo dos vestiarios do que dispoñen os estibadores. Concretamente a presidenta de Portos deu conta do proxecto redactado e outras posibles alternativas de construción dun edificio de servizos propio para a estiba que albergaría os vestiarios.

O proxecto redactado define un edificio de 740 metros cadrados de superficie para uso dos traballadores e o importe estimado para a súa execución é de máis de 700.000 euros. Tal como explicou Susana Lenguas, Portos de Galicia ten rematado o proxecto construtivo e atópase en disposición de proceder á súa licitación que, porén, non foi iniciada para analizar conxuntamente cos consignatarios outras solucións construtivas máis económicas que permitan reducir as taxas de ocupación previstas polo uso da instalación.

A segunda alternativa para dar solución ás necesidades dos traballadores e reducir a repercusión das taxas, pasa pola concesión ás empresas do solo portuario necesario para a instalación por parte dos propios consignatarios das casetas con función de vestiarios para a estiba. Desde a Administración portuaria trasladouse aos interesados as diferentes opcións co obxectivo de que sexan eles quen opten pola alternativa máis axeitada para a súa actividade.