Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA E O CONCELLO DE RIBEIRA ASINAN O CONVENIO PARA A REMODELACIÓN DA FACHADA MARÍTIMA DE RIBEIRA

  • O ente público financiará os traballos con 580.000 euros e a Administración municipal dirixirá e executará a obra 
  • O obxectivo do proxecto é reordenar o paseo das Carolinas e o parque García Bayón, dando prioridade aos peóns fronte ao tráfico rodado, e executar un carril bici ao longo de toda a fachada marítima do casco urbano
  • O prazo de execución das actuacións é de cinco meses a contar desde a contratación dos traballos

Santiago, 22 de abril de 2019.-  O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e o alcalde do concello coruñés de Ribeira, Manuel Ruiz, asinaron esta mañá o convenio que crea o marco xurídico preciso para a remodelación da fachada marítima do municipio ribeirense, un acto que foi presidido pola conselleira do Mar, Rosa Quintana. Dito convenio, autorizado o mes pasado polo Consello da Xunta, regula as obrigas de ambas administracións de cara á execución das obras que contan con partida orzamentaria para o actual exercicio. 

O convenio regula a colaboración entre o Concello de Ribeira e Portos de Galicia como ente adscrito a Mar, no que atinxe ás actuacións no dominio público portuario de remodelación da fachada marítima de Ribeira coa unión mediante carril bici da infraestrutura existente no Touro coa do Coroso, o paseo das Carolinas e o parque García Bayón. O importe total das obras ascende a 580.000 euros, IVE incluído, que serán financiados por Portos de Galicia en dúas anualidades xa consignadas nos orzamentos de 2019 e 2020. Pola súa parte, o Concello de Ribeira foi o encargado da elaboración do proxecto de obra e corresponderalle tamén a súa licitación e dirección. 

O obxectivo fundamental deste proxecto é reordenar o paseo das Carolinas e o parque García Bayón, dando preferencia ao peón fronte ao tráfico rodado e conferíndolle aos viais o carácter urbano que lle corresponde. Inclúese ademais a execución dun carril bici ao longo de toda a fachada marítima do casco urbano.

As obras teñen un prazo de execución de cinco meses que comezarán a contar unha vez contratados os traballos, logo da sinatura do convenio entre ambas partes. A actuación supón a resposta a unha demanda histórica desta localidade pola súa repercusión para o conxunto da cidadanía, que axuda á integración entre o porto e a vila e mellora a explotación portuaria.