Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA HIXIENIZA OS EDIFICIOS DAS LONXAS CON MAIOR ACTIVIDADE COMO MEDIDA DE PREVENCIÓN ANTE O COVID-19

  • O ente público procede ao baldeo exterior con lixivia diluída das instalacións de Portonovo, Campelo, Aldán, Cangas, Meira, Cesantes, Arcade, Baiona e A Guarda

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a proceder nestes días á nova hixienización de edificios das lonxas na provincia de Pontevedra, como medida de prevención e reforzo da salubridade ante o COVID-19. Esta medida está a ser aplicada nas lonxas con maior actividade das tres provincias costeiras logo de ser consensuada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, cos presidentes das federacións provinciais de confrarías de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

Nos día de onte e hoxe, o ente público está a realizar o baldeo exterior con lixivia diluída das fachadas e contornas das lonxas de Portonovo (Sanxenxo), Campelo (Poio), Aldán (Cangas), Meira (Moaña), Cesantes (Redondela), Arcade (Soutomaior), Baiona e A Guarda, para minimizar o risco de propagación do virus nestas instalacións. Deste xeito, preténdese maximizar as medidas de seguridade dos traballadores e usuarios portuarios que continúan a desenvolver actividades esenciais, como o subministro de produtos de alimentación.

Portos de Galicia está a realizar estas tarefas de xeito periódico desde o inicio da crise sanitaria en coordinación coas confrarías que así o solicitan e continuará a desenvolvelas nas vindeiras semanas. No caso da provincia de Pontevedra, xa foran hixienizadas tamén as contornas das lonxas do Grove, Bueu, Cambados, Carril (Vilagarcía), Vilaxoán (Vilagarcía), Vilanova e O Xufre (A Illa de Arousa).