Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INICIA AS OBRAS DE DRENAXE DE PLUVIAIS NO PEIRAO DE LAXE

  • A actuación conta cun investimento de 28.000 euros e inclúe a creación de dous novos pozos para minimizar os asolagamentos por choiva

 

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén iniciar as obras de drenaxe de pluviais no peirao do municipio coruñés de Laxe. Esta actuación conta cun investimento de 28.000 euros e permitirá minimizar os asolagamentos que se producen na zona por mor das choivas abundantes.

O ente público que preside Susana Lenguas comezou esta semana os traballos de canalización e drenaxe das augas que habitualmente se acumulan tralas precipitacións na zona situada entre o paseo marítimo e a Igrexa de Santa María de Atalaia. Esta obra inclúe a construción de dous novos pozos e unha canle de alivio pola escolleira.

Finalmente, a actuación inclúe tamén a construción dun pequeno muro de protección na zona e a recolocación da escolleira. Con esta obra de drenaxe procúrase rematar cos problemas de acumulación de auga na calzada da contorna portuaria que se viñan producindo con frecuencia no peirao de Laxe.

 

Recuperación de calado

Desde o último trimestre do ano pasado Portos de Galicia ten en marcha tamén no peirao de Laxe a obra de dragaxe, consistente na extracción de áridos e rocha do fondo mariño para a recuperación de calado no porto. A dragaxe realizarase principalmente á cota -5, excepto nunha franxa próxima ao peirao da lonxa que se realizará á cota -3. O ente público inviste máis de tres millóns de euros nesta actuación que ten previsto rematar ao longo de 2021.