Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INICIA A REPARACIÓN DA CUBERTA DA NAVE DE REDES EXPOMAR EN BURELA (LUGO)

Santiago de Compostela, 4 de mayo de 2020.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciou as obras de reparación da nave de redes Expomar do porto de Burela, en Lugo, que acolle esta feira bianual. A actuación conta cun investimento de 40.000 euros e un prazo de execución estimado de dous meses.

Os traballos consisten na subministración e instalación dunha nova canle de recollida de augas en aceiro inoxidable, así como a renovación da parte superior por chapa en aluminio lacada dun milímetro de espesor. Deste xeito, renóvanse as zonas máis afectadas pola corrosión e que estaban a ocasionar filtracións de auga ao interior do recinto.

En concreto, as obras inclúen a retirada dos elementos deteriorados para o tratamento a través dun xestor autorizado e a substitución da canle de recollida de augas existente, actualmente en chapa, por outro en aceiro inoxidable. Para poder efectuar esta actuación é necesario desmontar a cuberta existente en panel sándwich para encaixar os laterais da canle por baixo.

Finalmente, a obra desenvolvida por Portos de Galicia engade a reposición de ligazóns e elementos necesarios para a súa perfecta instalación. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de traballo do sector profesional de Burela e, máis concretamente, do colectivo de rederas.