Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia investirá máis de 126.000 euros na redacción de proxectos de melloras nos portos de Aguiño e A Pobra do Caramiñal

  • Estes peiraos están entre os máis de 50 traballos de redaccion de proxectos para melloras en distintos portos de Galicia que están en proceso de licitación conxunta por un importe global de 3,1 millóns de euros
  • Na Pobra do Caramiñal as tarefas de redacción contan cun orzamento de máis de 72.500 euros e son para a remodelación do acceso ao peirao comercial e a ampliación do atraque
  • En Aguiño os labores previos que se licitan son por valor de máis de 53.500 euros de cara a construción de pantaláns, mellora do abrigo e modificacións ou construcións de novas ramplas de descarga/varada

Visita a Aguiño e A PobraRibeira (A Coruña), 9 de setembro de 2020.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, xunto coa conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitaron hoxe os portos da Pobra do Caramiñal e de Aguiño (Ribeira), dous dos peiraos que se atopan entre os beneficiarios dos máis de 50 traballos de redaccion de proxectos para melloras en distintos portos de Galicia que están en proceso de licitación por un importe global de 3,1 millóns de euros. Desta cantidade, máis de 126.000 euros correspóndese cos traballos de redacción de proxectos dos portos da Pobra do Caramiñal e de Aguiño. 

Os traballos previos que se contemplan son estudos marítimos, ambientais, de patrimonio, de solo e estudos de alternativas, anteproxectos e proxectos construtivos. Un labor que, segundo sinalouse nas visitas, é de gran valor para sacar adiante e da mellor forma posible as melloras nas zonas portuarias. 

Nesta liña, durante a visita tamén incidiuse na importancia do mantemento das instalacións portuarias para impulsar a competitividade da actividade marítimo-pesqueira e facilitar o labor dos seus usuarios. 

Deste cometido forma parte a redacción dos proxectos, un labor que está en tramitación de cara a executar máis de medio cento de actuacións nas tres provincias costeiras. O período de presentación de ofertas por parte dos licitadores para realizar estes traballos rematou nestes días coa recepción de preto de 30 propostas de distintas empresas e con eles avánzase na tramitación dos expedientes das futuras actuacións que darán resposta ás necesidades dos usuarios dos portos que foron trasladadas polo sector ao ente público. 

No caso do peirao da Pobra do Caramiñal os traballos que están en proceso de licitación son estudos relacionados coa axitación da ondaxe e as correntes, de alternativas e o anteproxecto e proxecto básico así como o proxecto construtivo, entre outras tarefas. Estes labores están enfocados á remodelación do acceso ao peirao comercial e á ampliación do atraque, accións nas que se contempla substituír parcialmente o acceso actual por unha solución permeable ás correntes, estudando as diferentes alternativas de solucións construtivas e o estudo da ampliación do atraque comercial cara ao interior do porto. Para estas actuacións o orzamento total previo á licitación é de máis de 72.500 euros e antes de proceder con elas avaliaranse con detalle os aspectos relacionados co hidrodinamismo e as repercusións sobre os bancos marisqueiros.

Ademais para o peirao da Pobra tamén está en licitación o servizo de redacción de estudos ambientais e proxecto de dragaxe, que inclúe traballos de batimetría, analítica de áridos, tramitación ambiental e a redacción do proxecto. A maiores, Portos de Galicia ten finalizado o proxecto para mellorar os pantaláns do porto, co que se prevé substituír o pavimento, a reordenación de atraques e a instalación de novos finguers, entre outras actuacións que suman un investimento de 1,5 millóns de euros. 

En relación ao porto de Aguiño, licítase o estudo de aspectos como a axitación de ondaxe e deseño de solucións no anteproxecto e proxecto básico, entre outras cuestións, para a creación de prazas de amarre e a mellora nas condicións operativas das descargas para as embarcacións menores que operan no porto. En concreto coa mirada posta na construción de pantaláns, mellora do abrigo e modificacións ou construcións de novas ramplas de descarga/varada. Neste caso o orzamento total previo á licitación de todos os traballos previstos é de máis de 53.500 euros.

Ademais dos peiraos da Pobra e Aguiño tamén están contemplados traballos de redacción de proxectos para os peiraos de Aldán, Ares, Barallobre, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Camariñas, Camposancos, Canido, Cariño, Carril, Cedeira, Celeiro, Corcubión, Domaio, Foz, Lorbé, Malpica, Meira, Meloxo, Moaña, Mugardos, Muros, O Grove, O Pindo, Palmeira, Portosín, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina de Cobres, Sanxenxo, Taragoña, Testal, Tragove, Vilanova de Arousa e Viveiro.