Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INVESTIU UN MILLÓN DE EUROS NA DOTACIÓN DE ABRIGO E PANTALÁNS NO PEIRAO DE FISTERRA

  • Veñen de rematar as obras de instalación dun dique aboiante e creación de 75 novas prazas para o sector profesional

Santiago, 2 de xullo de 2018.- Portos de Galicia, vén de investir un millón de euros na dotación de maior abrigo e máis prazas de amarre para o peirao do municipio coruñés de Fisterra. Así se comunicou esta mañá nunha visita á zona do presidente do ente público, José Juan Durán acompañado pola conselleira de Mar, Rosa Quintana,. 

As obras executadas consistiron fundamentalmente na construción e instalación dun dique aboiante de 100 metros de lonxitude e de cinco metros de ancho. Tamén se realizou unha ampliación dos pantaláns de atraque de embarcacións menores para conseguir 75 novas prazas, co que quedan habilitadas un total de 182. 

O dique aboiante está construido en formigón e ao longo del instalaronse dúas torretas de servizos de auga e luz e unha de emerxencia. O  acceso ata o dique realízase a través dunha pasarela articulada entre o peirao e a instalación aboiante. 

En canto a ampliación dos pantaláns, nas novas prazas instaláronse fingers de aluminio para facilitar o atraque e incluíron tamén unha mellora das instalacións de auga e luz a través de novas torretas de servizo. Ademais en todas as liñas de pantalán hai tamén unha de emerxencia. 

A día de hoxe as obras se atopan xa totalmente rematadas e operativas coa conseguinte mellora nas condicións de traballo dos profesionais do mar. Así mesmo, compre salientar que esta actuación permitiu dar resposta ás necesidades do sector na zona, dando cabida ao total da frota que traballa na actualidade no porto fisterrán.