Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA PORÁ EN MARCHA POR PRIMEIRA VEZ NA SÚA HISTORIA A OPERATIVA PORTUARIA DE CONTEDORES

  • O ente público vén de outorgar dúas concesións que favorecerán que as empresas beneficiarias invistan 600.000 euros para a instalación de caixas de transporte refrixerado de túnidos

Santiago, 30 de abril de 2019.- Portos de Galicia abrirá nos próximos meses unha nova liña de actividade económica que reforza o volume produtivo do sistema portuario autonómico. Así, comezará proximamente a operar con contedores de grandes dimensións por primeira vez na súa historia e farao nos peiraos da Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Neste sentido, está a tramitar dúas concesións administrativas de longa duración para habilitar outros tantos recintos de contedores refrixerados que funcionarán como cámaras de almacenaxe transportables só con engancharse a cabezas motoras de camión. Estas concesións administrativas operarán nestes dous peiraos da comarca do Barbanza.

Os contedores refrixerados serán empregados para almacenaxe e transporte de túnidos, co que se xera un valor engadido na trazabilidade do produto e se facilitan as condicións de traballo da industria conserveira da zona, unha das máis importantes da comarca. Neste sentido, cómpre lembrar que a comarca de Barbanza aglutina de xeito hexemónico o tráfico de túnidos do conxunto do sistema portuario autonómico.

Con esta nova liña de traballo, Portos de Galicia incrementa o seu volume de actividade económica. Non en van, as concesións administrativas para o asentamento das illas de contedores supoñen un investimento económico por parte das empresas responsables desta instalación de arredor de 600.000 euros.