Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

Portos de Galicia prevé investir 200.000 euros na mellora funcional da rampla de varada do peirao da Guarda

  • A presidenta do ente público mantivo unha reunión de traballo coa confraría de pescadores local para avaliar as súas necesidades

 

A Guarda (Pontevedra), 5 de novembro de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a tramitar a obra de mellora funcional da rampla de varada do peirao do municipio pontevedrés da Guarda. Así llo trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, á confraría de pescadores da localidade nunha reunión de traballo para avaliar as necesidades do colectivo.

As obras previstas consisten na prolongación da rampla en 18,5 metros de longos por 35 metros de ancho partindo das escaleiras de acceso. Os traballos incluirán tamén os recalces do peirao de descarga e escaleiras anexas á rampla, ademais do tapado das xuntas do paramento do peirao e a restitución do pavimento.

Susana Lenguas informou á confraría de que esta actuación se atopa en fase de tramitación ambiental. A día de hoxe Portos de Galicia está á espera de recibir o informe ambiental do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para poder iniciar o procedemento de licitación. O prazo de execución previsto para as obras, unha vez contratadas, é de tres meses e o orzamento base de licitación é de 200.000 euros.

Esta actuación dá resposta á solicitude da propia confraría de pescadores da Guarda que pedira a Portos de Galicia dita ampliación. Con esta obra o ente público mellorará as condicións de traballo dos profesionais do mar da localidade.