Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

SAE A LICITACIÓN O SERVIZO DE REDACCIÓN DE ESTUDOS AMBIENTAIS E PROXECTOS DE DRAGAXE NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS

  • O orzamento base é de 1,6 millóns de euros e inclúe traballos técnicos para unha trintena de portos

 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2020.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o expediente de licitación do servizo de redacción de estudos ambientais e proxectos de dragaxe para diversos peiraos autonómicos. Esta actuación conta cun orzamento base de licitación de 1,6 millóns de euros e contempla traballos técnicos para unha trintena de peiraos de titularidade autonómica.

Dado que a gran maioría das actuacións para infraestruturas portuarias que afectan á lámina de auga precisan de tramitación ambiental, e ante a necesidade de acometer actuacións de dragaxe e recuperación de calado nun gran número de portos a curto e medio prazo, é preciso dinamizar os traballos técnicos previos cunha visión conxunta. Por este motivo, Portos de Galicia ten iniciada a contratación do servizo de redacción destes traballos.

A día de hoxe téñense detectado necesidades neste sentido en 10 portos da costa cantábrica, 15 na provincia da Coruña e sete da provincia de Pontevedra. Na zona norte, realizaranse estudos técnicos sen carácter exclusivo para portos como Burela, Cariño, Cedeira, Foz, O Barqueiro, A Pobra, Camariñas, Malpica, Pontedeume, Portosín, Rianxo, Testal, Meloxo, Corbaceiras-Pontevedra ou Tragove.

O prazo deste servizo será de dous anos e o expediente de licitación contempla a posibilidade de prórroga dun terceiro en función das necesidades do propio traballo de campo. As bases da licitación atópanse a disposición dos interesados na páxina web de Portos de Galicia así como na plataforma xeral de Contratos de Galicia.