Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

JOSÉ JUAN DURÁN: “TEMOS PLENA VONTADE POLÍTICA DE LEVAR ADIANTE A DRAGAXE DO LÉREZ, SUPEDITÁNDOA AO CONSENSO”

  • O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o proxecto para devolver calado á canle de acceso ao peirao de Pontevedra
  • Lembrou que o ente público ten redactado e sometido a información pública o proxecto dende o pasado ano, pero que as discrepancias internas das confrarías paralizaron o inicio da tramitación ambiental
  • Subliñou que o punto de vertido elixido conta con todos os avais técnicos e a Xunta mantén a capacidade orzamentaria para tramitar a obra no momento en que conte con acordo global

Santiago, 4 de outubro de 2018.- “Portos de Galicia, ten a firme vontade política de realizar as obras de dragaxe do acceso ao peirao de Pontevedra, pero dende o ente público manteremos a filosofía permanente da Consellería do Mar de procurar o consenso do sector marítimo portuario arredor de calquera investimento que propoñemos e especialmente nunha actuación da envergadura da dragaxe do Lérez no acceso ao peirao de Pontevedra”. Así o ratificou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na súa intervención esta mañá no Parlamento de Galicia para responder a unha pregunta en Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo sobre o proxecto de dragaxe para devolver calado á canle de acceso ao peirao de Pontevedra.

Durán Hermida insistiu en que o ente público “ten, dende o último trimestre de 2017, redactado e sometido a información pública o estudo de impacto ambiental necesario para realizar posteriormente a tramitación ambiental da obra nos organismos competentes dependentes doutras administracións, autonómicas e estatais. De feito Portos tiña previsto licitar a obra en 2018 conforme ao cronograma técnico que se presentara publicamente, lembrou e subliñou que se este cronograma se viu incumprido foi pola falta de consenso no sector, que se puxo de manifesto no período de presentación de alegacións no que se recibiron 16, entre elas as dos colectivos solicitantes do proxecto, as confrarías da ría”.

A este respecto, o presidente de Portos explicou que o punto de vertido elixido –cuestión posta en entredito nas alegacións e que motivou a falta de consenso das confrarías en relación ao proxecto- conta con todos os avais dos estudos técnicos que ratifican que non haberá afectación á actividade marisqueira na ría. Ademais lembrou que un cambio neste punto suporía a volta atrás do proxecto, téndose que repetir os estudos ambientais coa conseguinte dilatación dos prazos, que fixou “nun mínimo de varios meses”.

Finalmente, o presidente de Portos rexeitou as críticas que sinalaban razóns orzamentarias como base da paralización do proxecto, clarexando que, se ben un cambio do punto de vertido podería supoñer un incremento do orzamento da dragaxe en aproximadamente un millón de euros, coas complicacións intrínsecas de calquera ampliación orzamentaria, a dragaxe do Lérez estaba prevista nos orzamentos de 2018 e a Xunta mantén a capacidade orzamentaria para tramitar a obra no momento en que conte co consenso necesario.