Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA PROMOCIONA EN FITUR A OFERTA NÁUTICA DOS PEIRAOS AUTONÓMICOS

  • O presidente do ente público presenta no stand de Galicia na feira de Madrid as iniciativas impulsadas pola Xunta para a captación de novos nichos de negocio

Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- Portos de Galicia promociona dende hoxe na Feira Internacional de Turismo Fitur de Madrid a oferta náutica dos peiraos autonómicos galegos. Como xa fixera en anos anteriores, nesta nova edición o ente público que preside José Juan Durán, coordina a presenza neste evento das entidades náuticas galegas e a promoción das propostas que se realizan nos peiraos da nosa comunidade.

Con este obxectivo, Durán Hermida, ofreceu esta mañá unha ponencia no stand de Galicia na feira na que trasladou as vantaxes cualitativas da oferta náutica galega e presentou as iniciativas que se están a desenvolver de cara á captación de novos clientes e nichos de mercado. Así, informou de que, unha vez abertos fluxos de navegación entre Francia, Gran Bretaña, Irlanda e Galicia, o obxectivo do sector galego pasa actualmente pola captación de navegantes procedentes de centro Europa e a fidelización da clientela actual.

Así mesmo, o presidente de Portos lembrou que durante o pasado ano Galicia recibiu máis de 8.000 embarcacións en tránsito, un 4% máis que no ano anterior, mantendo á tendencia á alza que se viña rexistrando no último lustro. Esta cifra supuxo un volume de negocio no sector auxiliar á marxe do beneficio portuario que se estima en arredor de 2 millóns de euros e supón ademais que arredor da metade das embarcacións que navegan de norte a sur preto das costas galegas recalan nos peiraos da nosa comunidade.

Durán Hermida subliñou que os resultados do pasado ano veñen ratificar o auxe desta actividade portuaria que o pasado verán conseguiu marcar cifras récord e subliñou a importancia para este éxito “da colaboración recibida por Portos de Galicia dende as entidades e clubs náuticos xestores de instalacións náutico recreativas”. Ademais lembrou a forte repercusión económica que supón para as vilas portuarias esta actividade que beneficia non só ao sector náutico e auxiliar senón tamén ao dos servizos, hostalería e comercio.
    
Dada esta positiva repercusión, para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como é o caso de Fitur, e outros eventos de referencia no sector do turismo náutico internacional nos que o ente público ten prevista tamén a súa presenza.

 

O Presidente de Portos de Galicia, xunto con outras autoridades, en Fitur 2017