Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA DUPLICA A PRESENZA DOS XESTORES NÁUTICOS GALEGOS EN EVENTOS PROMOCIONAIS DE CARÁCTER INTERNACIONAL

O ente público coordinará a participación en media ducia de salóns e feiras de cinco países europeos.

Santiago, 7 de maio de 2017.- Portos de Galicia está a traballar na captación de novos clientes náuticos procedentes de diferentes puntos de Europa para as instalacións náutico recreativas galegas. Con este obxectivo, o ente público duplicará ao longo deste ano a presenza dos xestores náuticos galegos en eventos promocionais de carácter internacional nos que poderán presentar a oferta de servizos e instalacións náuticas da nosa comunidade. 

O reforzo da participación nas principais citas náuticas europeas foi consensuado por Portos de Galicia cos responsables das principais instalacións náutico recreativas autonómicas nunha reunión de traballo mantida esta semana que contou cunha vintena de entidades participantes, a saber: Ribadeo, Club Náutico de Sada, Marina Sada, A Pobra do Caramiñal, Muros, Cabo de Cruz (Boiro), Club Náutico San Vicente (O Grove), Nauta Sanxenxo, Real Club Náutico de Sanxenxo, Combarro (Poio), Cangas, Monte Real Club de Iates de Baiona, Porto Deportivo de Baiona, Marina Davila (Vigo), Marina Vilagarcía, Portonovo. Así mesmo, estiveron representadas as dúas asociacións de entidades náuticas galegas, Asnauga e Marinas de Galicia. 

Nesta xuntanza, os propios xestores náuticos ratificaron a rendibilidade que a presenza nestes eventos está a ter para Galicia nos últimos anos e apoiaron a iniciativa de Portos de continuar a coordinar de xeito conxunto con Turismo de Galicia a representación galega en cada caso. Deste xeito, a Xunta de Galicia liderará a presenza dos xestores náuticos galegos durante o 2017 en 6 eventos de 5 países diferentes: Cork (Irlanda), Lisboa e Porto (Portugal), Southampton (Reino Unido), París e La Rochelle (Francia) e Dusseldorf (Alemaña).
 
Portos de Galicia está a levar a cabo este tipo de accións dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que o ente público está a executar. Os  resultados deste traballo están a arroxar cifras de recepción de embarcacións en tránsito en constante aumento durante os últimos catro anos, pasando de 7.013 en 2013 a 8.205 no exercicio 2016, o que supón un incremento de preto de 1.200 barcos, que porcentualmente significa un 28% máis.