Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A INVERSIÓN NA MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS DO PORTO DO XUFRE SUPERARÁ OS 10 MILLÓNS DE EUROS

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos, José Juan Durán, visitou hoxe o porto do Xufre, na Illa de Arousa

  • Actualmente estanse a executar as obras de construción dos pantaláns pesqueiros, cun invistimento de máis de 700.000 euros, que darán servizo a 308 embarcacións
  • Ademais prevese licitar a construción de pantaláns para barcos bateeiros, unha obra que coa dos pantaláns pesqueiros suporá un investimento global de preto de 5,5 millóns de euros

A Illa de Arousa (Pontevedra), 5 de xullo de 2017.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo presidente de Portos, José Juan Durán, visitou hoxe as obras de construción de pantaláns pesqueiros que se están a realizar no peirao do Xufre. Con esta obra e coa futura construción dos pantaláns mexilloeiros prevese que a Consellería do Mar supere os 10 millóns de euros de inversión na mellora das infraestruturas deste peirao, unha aposta iniciada no ano 2009 coa ampliación do porto e continuada coa dotación de abrigo.


Durante a visita, a titular de Mar destacou que a Xunta inviste máis de 700.000 euros nas obras dos pantaláns pesqueiros. Estes pantaláns, subliñou, darán servizo a 308 embarcacións pesqueiras, atendendo á demanda actual de prazas e reserva prazas dispoñibles para cubrir as necesidades futuras. Neste sentido, informou que se prevé que a obra remate antes de que finalice o ano.

 

A maiores, a conselleira sinalou que a Xunta seguirá avanzando na mellora deste porto coa licitación nas vindeiras semanas das obras de construción de pantaláns para a 4ª lista (embarcacións mexilloeiras) que suporán arredor de 126 prazas de amarre para barcos bateeiros con esloras de entre 14 e 22 metros. Esta futura obra e a dos pantaláns pesqueiros que se está executando suporán un investimento global de preto de 5,5 millóns de euros.

 

Deste xeito, engadiu Rosa Quintana, a Consellería do Mar afonda no compromiso de atender as necesidades do sector profesional do Xufre. Unha aposta, explicou, que se iniciou no ano 2009 coa ampliación do porto e que seguiu posteriormente coa dotación de abrigo. Nestas obras investíronse un total de 4,3 millóns de euros e a esta cifra súmanse máis dun millón de euros doutras obras realizadas no Xufre dende o ano 2009 por Portos de Galicia.