Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O PORTO DE MUROS SITÚASE COMO LÍDER EN RECEPCIÓN DE EMBARCACIÓNS EN TRÁNSITO DURANTE O MES DE XULLO

  • A dársena deportiva recibiu un total de 333 embarcacións transeúntes ás que se suman, na mesma ría, outras 132 que recalaron en Portosín

Muros (A Coruña), 22 de agosto de 2017.-  O porto de Muros situouse como líder entre os peiraos de titularidade autonómica na recepción de embarcacións en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións náutico recreativas do municipio. 

Durán Hermida explicou que o porto de Muros recibiu o mes pasado un total de 333 tránsitos, o que supón un incremento do 38% respecto ao mesmo mes de 2016, no que o porto de Muros foi tamén o líder de toda Galicia nesta actividade. Na ría de Muros-Noia tamén se rexistraron datos moi positivos no outro porto deportivo, o de Portosín, que recibiu en xullo 132 barcos, case un 70% máis que no mesmo período no ano anterior. Así, en total na ría de Muros-Noia recibíronse durante o pasado mes un total de 465 barcos, un 45% máis que o ano anterior. 

Deste xeito, a ría de Muros e Noia confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2.800 tránsitos, un 18% máis que o ano pasado. 

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón no conxunto das vilas que acollen instalacións náutico recreativas. 

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional.