Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

JOSÉ JUAN DURÁN: “OS PEIRAOS GALEGOS AFRONTAN O VINDEIRO INVERNO EN CONDICIÓNS DE SEGURIDADE E PLENA OPERATIVIDADE”

O presidente de Portos de Galicia compareceu no Parlamento para valorar os traballos executados para a reparación dos danos dos temporais do inicio de ano

  • Lembrou que o ente público investiu 1,6 millóns de euros en actuacións de reparación e informou de que os últimos traballos, no porto da Guarda, rematarán nas próximas semanas

Santiago, 24 de outubro de 2017.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, compareceu esta mañá a petición propia no Parlamento de Galicia para valorar os traballos executados polo ente público para a reparación dos danos provocados nas infraestruturas portuarias polos temporais dos primeiros meses do ano. A este respecto comunicou que “os peiraos galegos afrontan o vindeiro inverno en condicións de seguridade e plena operatividade”, toda vez que a práctica totalidade dos traballos se atopa xa rematada, a excepción das obras do porto da Guarda, que rematarán nas vindeiras semanas. 

Durán Hermida lembrou que nos primeiros meses do ano, ata o mes de maio, os fenómenos meteorolóxicos adversos deixaron danos na práctica totalidade dos 122 portos autonómicos, sendo os máis afectados os da Guarda, Corme (Ponteceso) e Ribadeo. “Os danos suman unha contía total de 1,6 millóns de euros e a día de hoxe todos eles se atopan xa reparados, a excepción do dique do porto da Guarda, cuxa reposición e reforzo quedará rematado nos vindeiros días”, indicou. 

Ademais, o presidente de Portos explicou que de cara aos vindeiros meses, o ente público ten xa deseñado o protocolo de actuación ante as alertas de temporal, no que se inclúen os medios humanos do ente público cos que se contará así como as principais directrices de actuación. “Deste xeito, dende Portos de Galicia non só nos limitamos a dar unha resposta inmediata do xeito máis eficiente posible tendo en conta os medios e recursos dispoñibles en situación de emerxencia, senón que estamos a centrar esforzos nunha medida que consideramos aínda máis importante: a prevención”, asegurou. 

Finalmente, engadiu que “grazas á planificación previa esperamos estar preparados para afrontar as situacións complicadas que poidan xerarse nos portos autonómicos nos vindeiros meses a consecuencia dos distintos fenómenos meteorolóxicos adversos e minimizar os riscos para a frota, as infraestruturas, as instalacións e moi especialmente, os usuarios dos portos”.