Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

BRENS REXISTRA A MAIOR SUBA NO TRÁFICO DE MERCADORÍAS DOS PEIRAOS AUTONÓMICOS NOS TRES PRIMEIROS TRIMESTRES DO ANO

  • O volume de carga e descarga nos portos de titularidade da Xunta de Galicia ata o 30 de setembro situouse en 1,2 toneladas, un 1% máis que o pasado ano
  • Os portos de Cariño e Ribadeo situáronse á cabeza en actividade 

Santiago, 26 de outubro de 2017.- O porto comercial de Brens no municipio coruñés de Cee, vén de rexistrar, ao peche do terceiro trimestre do ano, a maior suba interanual no tráfico de mercadorías do conxunto dos peiraos autonómicos. Esta infraestrutura rexistrou un volume de carga e descarga de máis de 284.000 toneladas ata o 30 de setembro, o que supón un incremento de máis do 8% respecto ao mesmo periodo do pasado ano. 

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, deu conta destes datos esta mañá nunha visita ás instalacións do peirao de Brens. Durante a visita lembrou tamén que este porto se situou tralos tres primeiros meses como o terceiro de Galicia en tráfico de mercadorías despois dos de Cariño, que moveu 403.000 toneladas, e Ribadeo, con 347.000. 

En canto ao tipo de mercadorías que se moveron en Brens durante o que vai de ano, o tráfico principal foi o de coques e semicoques de hulla, con 95.000 toneladas, seguido do mineral de manganeso, 82.000 toneladas; e as ferroaleacións. 

Durán Hermida deu conta tamén en Brens das cifras totais de actividade comercial rexistradas nos portos autonómicos durante os tres primeiros trimestres do ano. Así, explicou que o volume de carga e descarga situouse en 1,2 millóns de toneladas, o que supón un incremento do 1% respecto ao mesmo período do pasado ano. 

Ampliación da vía de acceso
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia aproveitou a súa visita a Brens para anunciar que o seu departamento está a tramitar a obra de ampliación da vía de acceso ao porto. Esta actuación consistirá no derrube dun muro que non ten funcións operativas actualmente para ensanchar o acceso permitindo a circulación de transportes especiais. Esta actuación contará cun investimento de máis de 31.000 euros.