Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

JOSÉ JUAN DURÁN: “O INVESTIMENTO EN INFRAESTRUTURA PORTUARIA EN 2018 SERÁ DE 13 MILLÓNS DE EUROS, UN 90% MÁIS QUE O ANO ANTERIOR”

O presidente de Portos de Galicia compareceu no Parlamento para dar conta dos orzamentos do ente público para o vindeiro exercicio
  • Lembrou que o organismo priorizará as actuacións centradas no sector profesional e concretamente as melloras de abrigo, dotación de novos pantaláns e dragaxes 
Santiago, 6 de novembro de 2017.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos do ente público para o vindeiro exercicio. Alí informou de que “o investimento en infraestrutura portuaria en 2018 será de 13 millóns de euros, o que supón un 90% máis que nos orzamentos do ano anterior”. 
Durán Hermida lembrou que esta dotación orzamentaria, “da que 3,2 millóns de euros proceden de fondos propios e 9,7 de transferencias de capital”, destinarase prioritariamente ás actuacións centradas no sector profesional. Concretamente, “Portos de Galicia centrará os seus esforzos na mellora das infraestruturas que permiten a operatividade dos portos, como é o caso dos pantaláns; a mellora de abrigo, que garante a seguridade dos usuarios e a frota; as dragaxes, que resolven as deficiencias de calado e o acondicionamento xeral dos espazos portuarios, que contribúen á maior integración porto-cidade”, explicou Durán. 
En canto á mellora de infraestruturas portuarias para o sector profesional, o presidente de Portos de Galicia destacou a dotación de novos pantaláns para a acuicultura nos portos do Xufre (A Illa de Arousa), Cabo de Cruz (Boiro) e Vilaxoán (Vilagarcía), con dotacións de 3,7 millóns, 1,7 millóns e 400.000 euros, respectivamente. Ademais destinaranse 500.000 euros á ampliación de pantaláns en Porto do Son e 200.000 aos de Portosín. Finalmente achéganse 200.000 euros para a mellora de defensas e medios de amarre en Celeiro (Viveiro) e 165.000 para Muxía e Camariñas. 
En relación ás obras de mellora de abrigo, Durán explicou que os orzamentos de Portos contemplan 500.000 euros para a segunda fase da ampliación do abrigo de Burela e unha obra plurianual con orzamento total de 1,1 millóns. Tamén 270.000 euros para Fisterra, cunha mellora de abrigo que tamén se dividirá en varias anualidades cun custe total de 1,1 millóns; 600.000 para Aldán (Cangas) e 100.000 para Aguete (Marín). 
Na súa comparecencia o presidente de Portos destacou especialmente dúas partidas destinadas a obras de dragaxe, como son as de Laxe e Foz. No primeiro caso, a obra total está orzamentada en 3 millóns de euros dos que 500.000 euros se contemplan na anualidade de 2018. En canto á dragaxe de Foz, dótase con máis de 500.000 euros. 
Ademais, o presidente de Portos incidiu tamén nas actuacións previstas para o acondicionamento de espazos portuarios. Neste grupo incluíu a remodelación do bordo marítimo de Noia, que contará en 2018 con 200.000 euros; o de Portosín, dotado con 1,4 millóns; o vial de acceso ao porto de Ribeira, 475.000 euros; a demolición das vellas casetas portuarias de Viveiro, que contan con 120.000 euros no orzamento de 2018; e a demolición das naves vellas de Barallobre, con 100.000 euros. 
Finalmente, Durán Hermida destacou a anualidade de 200.000 euros que Portos de Galicia destinará o vindeiro ano para o proxecto de sinalización marítima dos polígonos de bateas. Esta actuación ten tamén un carácter plurianual e o investimento total será de 850.000 euros.