Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A CONSELLERÍA DO MAR PROMOCIONARÁ A OFERTA CONXUNTA DA NÁUTICA GALEGA EN CINCO PAÍSES EUROPEOS

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu a reunión de coordinación das autoridades portuarias celebrada en Ferrol

  • Rosa Quintana confirmou na reunión de coordinación das Autoridades Portuarias de Galicia que a Xunta liderará a presenza dos xestores de portos deportivos autonómicos e estatais en eventos de Francia, Reino Unido, Irlanda, Alemaña e Portugal 
  • Esta participación responde á petición trasladada polos responsables das principais instalacións náutico recreativas galegas, tanto autonómicas como estatais, na última reunión de traballo mantida con representantes de Portos 

Ferrol (A Coruña), 28 de novembro de 2017.- A Consellería do Mar mantén o seu compromiso de captación de novos clientes náuticos procedentes de diferentes puntos de Europa para o conxunto das instalacións náutico-recreativas galegas, tanto dependentes da Xunta coma do Estado. Así o ratificou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, na reunión de coordinación das Autoridades Portuarias de Galicia que se celebra periodicamente na sé dos diferentes portos estatais e que esta mañá tivo lugar na Autoridade Portuaria de Ferrol.

A conselleira explicou que co obxectivo de incrementar o volume de negocio das dársenas recreativas de Galicia, a Consellería do Mar está a manter unha estratexia coordinada cos xestores dos portos deportivos galegos para impulsar a súa presenza nos eventos de referencia do sector a nivel internacional. Deste xeito, Rosa Quintana comprometeu que a oferta náutica galega, de xeito conxunto, estará presente en 2018 en feiras, salóns e presentacións sectoriais de cinco países europeos.

En concreto esta participación canalizarase a través da acción conxunta de Portos de Galicia e Turismo de Galicia, que encabezarán a delegación galega que participará nas citas de Francia, Reino Unido, Irlanda, Alemaña e Portugal. Esta participación dá resposta á petición trasladada polos responsables das principais instalacións náutico-recreativas galegas, tanto autonómicas como estatais, na última reunión de traballo mantida entre os representantes de Portos e os dunha ducia de entidades náuticas galegas interesadas na súa promoción e que tivo lugar a semana pasada no porto deportivo da Toxa.

Nesta xuntanza, os propios xestores náuticos ratificaron a rendibilidade que a presenza nestes eventos está a ter para Galicia nos últimos anos e apoiaron a iniciativa de continuar coa representación galega nestas citas. Ante o alto nivel de aceptación constatado, a Xunta de Galicia liderará a presenza dos xestores náuticos galegos durante o 2018 nos citados cinco países, de modo que poida darse continuidade ás relacións comerciais xeradas coa participación galega en anteriores edicións.

Rosa Quintana explicou que a Consellería do Mar está a levar a cabo este tipo de accións dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar. Engadiu ademais que os resultados deste traballo están a arroxar cifras de recepción de embarcacións en tránsito en constante aumento durante os últimos catro anos, pasando de 7.013 en 2013 a 8.754 no exercicio 2017, o que supón un incremento de preto de máis de 1.700 barcos, que porcentualmente significa un 25% máis.