Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA HOXE A APROBACIÓN DA PRIMEIRA LEI DE PORTOS AUTONÓMICA PARA A XESTIÓN DOS 122 PEIRAOS DA XUNTA

  • A nova norma entrará en vigor nun prazo de 6 meses

Santiago, 14 de decembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación da Lei de Portos, a primeira con carácter autonómico, que rexerá a xestión dos 122 peiraos dependentes da Administración autonómica. Esta norma centrada na realidade portuaria galega e que entrará en vigor nun prazo de seis meses.

A nova lei será de aplicación no conxunto dos portos dependentes da Xunta de Galicia. Dada a extensión e complexidade do seu ámbito de aplicación, o texto foi consensuado   cos principais representantes do sector marítimo e portuario así como coas administracións e institucións implicadas.

A nova normativa mellora a oferta de servizos portuarios e axiliza a tramitación administrativa en todo o relativo ao peiraos que xestiona Portos de Galicia. O articulado do texto fai referencia á regulamentación de todas as actividades que conviven nos peiraos galegos: profesional, náutico recreativa, comercial e de recreo ou complementarios vinculados ao litoral.

Co obxectivo de establecer un marco regulador organizativo e de colaboración que abarque todas estas actividades a modo de infraestrutura portuaria en rede, a lei recolle aspectos relativos a accesibilidade e adaptación constante das infraestruturas e servizos, a relación dos portos coa vila e a intermodalidade entre vías de transporte, entre outros. Entre os principais puntos do seu contido destaca tamén a promoción da competitividade e reactivación da actividade económica e a apertura progresiva dos servizos portuarios a inversores. Entre o reforzo das garantías de cara aos inversores, contémplase a ampliación do prazo das concesións, de 30 a 50 anos, e a transparencia no procedemento de concesión dos servizos recuperando o trámite de competencia.

Polo que respecta á ordenación do solo portuario contémplase a creación de plans especiais que recollen a planificación específica de cada peirao e a zonificación das actividades que se desenvolven nel. Ademais, impulsarase a coordinación áxil cos concellos para dotar aos portos dos instrumentos necesarios de planificación e ordenamento. Finalmente, recóllese, así mesmo, a figura dos plans directores de infraestruturas que planificarán a dotación de obras necesarias en cada caso nun horizonte temporal mínimo de 5 anos.