Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA INVESTIU 700.000 EUROS NA CONSTRUCIÓN DE PANTALÁNS PESQUEIROS NO PORTO DO XUFRE

  • Os traballos veñen de rematar e darán servizo a 300 embarcacións de terceira lista
  • A ordenación do peirao do Xufre seguirá avanzando coa construción de pantaláns para embarcacións mexilloeiras, uns traballos que están en proceso de licitación

A Illa de Arousa (Pontevedra), 22 de decembro de 2017.- Portos de Galicia vén de rematar a execución das obras de construción dos pantaláns para embarcacións pesqueiras no peirao do Xufre, no municipio pontevedrés da Illa de Arousa, uns traballos que contaron cun orzamento de máis de 700.000 euros. 

Así o destacou esta mañá a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, que visitou a zona acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Alí a titular de Mar lembrou que esta actuación foi demandada de xeito reiterado pola confraría de pescadores do Xufre e dará servizo a máis de 300 embarcacións pesqueiras que se ordenarán en 3 filas de pantaláns. 

En concreto crearanse 291 prazas para esloras de seis metros; 13 para esloras de oito metros; unha para esloras de 10 metros; e tres para esloras de 12 metros. Esta capacidade dá resposta á demanda actual de prazas e reserva prazas dispoñibles para cubrir as necesidades futuras.
 
Finalmente, a conselleira do Mar ratificou que a Xunta de Galicia seguirá avanzando no seu compromiso de ordenación do peirao do Xufre coa construción de pantaláns para 4ª lista (embarcacións mexilloeiras) durante o ano 2018. Rosa Quintana lembrou que os traballos están xa en proceso de licitación e contarán cun investimento de 4,4 millóns de euros contemplados nos orzamentos de Portos de Galicia xa aprobados para o vindeiro ano.