Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

MÁIS DE 200.000 EUROS FORON INVESTIDOS DURANTE 2017 EN ACTUACIÓNS DE MELLORA DE PANTALÁNS NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS PONTEVEDRESES

  • O presidente de Portos de Galicia fixo balance en rolda de prensa das obras executadas na provincia

Pontevedra, 29 de decembro de 2017.- Portos de Galicia, vén de investir no exercicio actual máis de 400.000 euros en actuacións de mellora de instalacións de amarre, pantaláns e fingers en peiraos de titularidade autonómica das tres provincias costeiras. Así o destacou o presidente de Portos de Galicia nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo portuario en Pontevedra para facer balance das actuacións no conxunto da comunidade e nos peiraos da provincia.

Durán Hermida explicou que Portos de Galicia,  vén de executar ao longo dos últimos meses preto de medio centenar de actuacións de reforzo, mellora e reparación de pantaláns en peiraos  de titularidade autonómica das tres provincias costeiras. En concreto, o ente público actuou ao longo do ano 2017 en 3 portos da provincia de Lugo, 20 da Coruña e 23 da provincia de Pontevedra, cun investimento total de 400.000 euros.

No caso da provincia de Pontevedra, o organismo portuario actuou nun total de 23 portos, que son, O Grove, Sanxenxo, Meloxo (O Grove), Tragove (Cambados), Portonovo (Sanxenxo), Pedras Negras (O Grove), Raxó (Poio), Baiona, Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), Moaña, Aguete (Marín), Beluso (Bueu), Cangas, O Xufre (A Illa de Arousa), Vilanova de Arousa, Cesantes (Redondela), Meira (Moaña), Carril (Vilagarcía), Vilaxoán (Vilagarcía), Cambados, Combarro (Poio), Bueu e Arcade (Soutomaior). Estas actuacións supuxeron un investimento global de 200.000 euros.

O presidente de Portos lembrou que estas accións dan resposta ás necesidades que se presentaban neste tipo de infraestruturas en canto á súa reparación e mantemento. Así mesmo, “veñen mellorar as condicións de traballo, operatividade e seguridade dos usuarios dos portos dependentes da Xunta de Galicia, unha das nosas liñas estratéxicas de traballo”, concluíu.