Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA IMPULSA A CHEGADA DE NOVAS MODALIDADES DE NAVEGACIÓN PROCEDENTES DAS ZONAS DO RHIN E O MAR BÁLTICO

  • O presidente do ente público mantén contactos con entidades alemás e nórdicas organizadoras de rallies e regatas no salón náutico Boot Dusseldorf

Santiago, 23 de xaneiro de 2018.-  Portos de Galicia, está a traballar no impulso á chegada a Galicia de novas modalidades de navegantes procedentes do norte de Europa e concretamente de Alemaña, Noruega, Suecia, Estonia, Letonia, Lituania e Polonia. Para iso, o presidente do ente público, José Juan Durán, está a manter diferentes reunións de traballo con entidades europeas no marco do salón náutico Boot Dusseldorf, que se celebra esta semana na cidade alemá. 

Durán Hermida vén de manter encontros con asociacións de navegantes do Rhin e do Mar Báltico que reúnen a decenas de navegantes, fundamentalmente de embarcacións a vela, especializados en modalidades como os rallies náuticos, as regatas ou os intercambios entre diferentes costas. O obxectivo de Portos de Galicia á captar para os peiraos da nosa comunidade estas expedicións. 

O presidente de Portos presentou a todos estes interesados a oferta náutica galega, facendo fincapé na calidade dos servizos e a situación estratéxica de Galicia nas rutas de navegación de norte a sur de Europa. Ademais presentou a proposta de Cruceiros Costeiros, unha iniciativa de cabotaxe interno polas rías galegas enmarcada no programa europeo Ecodestin. Así mesmo fixo entrega de diverso material promocional que recolle os servizos e prestacións dos peiraos deportivos de titularidade autonómica e estatal da comunidade, como a Guía Básica de Servizos Náuticos, editada en galego, español, inglés e francés. 

Vídeo promocional
Como parte da axenda de traballo no salón Boot Dusseldorf, José Juan Durán, presentou esta mañá o vídeo promocional da náutica recreativa de Galicia 2018. A presentación e proxección do material audiovisual tivo lugar no espazo que a Autoridade Portuaria da Coruña ten dentro do stand de Puertos del Estado e participaron nela numerosos responsables de entidades náuticas galegas que visitan estes días o salón, así como das empresas e asociacións europeas participantes no Boot Dusseldorf.