Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA RECOLLEU PRETO DE 4.000 TONELADAS DE ACEITES USADOS NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS NOS ÚLTIMOS CATRO ANOS

  • As substancias recollidas son tratadas en plantas especializadas e recicladas en todos os casos nos que é posible
  • Os peiraos nos que se recuperaron maiores cantidades foron A Pobra, Ribeira e Burela, nos que operan buques de maior tonelaxe
  • O pasado ano investíronse en melloras neste ámbito 85.000 euros e reservouse unha partida equivalente para este exercicio

Santiago, 6 de febreiro de 2018.- Portos de Galicia recolleu durante os últimos catro anos, preto de 4.000 toneladas de aceites residuais a través do programa Marpol de recollida de hidrocarburos usados nos peiraos de titularidade autonómica. O presidente do ente público fixo esta mañá balance deste servizo a través do cal recupéranse e recíclanse os aceites residuais que se verten nos portos para a súa reutilización.

Seguindo a evolución anual, en 2014 recolléronse 900 toneladas; en 2015, 1.000; en 2016, 1.100 toneladas; e en 2017, 800. Dende Portos de Galicia atribúese o éxito da medida á colaboración e concienciación do sector profesional, ao que o ente público agradece a súa participación nesta iniciativa para a mellora colectiva.

Por provincias, a máis activa dentro deste programa é a da Coruña, con 2.200 toneladas recicladas no período referido. A continuación sitúase a de Lugo, con 900 toneladas; e, finalmente, Pontevedra, con 700. A este respecto cómpre explicar que a maior cantidade de aceites recollidos proceden de sentinas, polo que derivan dos buques de maior envergadura En concreto, os peiraos nos que se recuperaron maiores cantidades foron A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Burela, nos que operan buques de maior tonelaxe. Por provincias, en Lugo, o porto de Celeiro-Viveiro segue ao de Burela e en Pontevedra, destacan Tragove (Cambados) e Portonovo (Sanxenxo).

Dende o ano 2012, Portos de Galicia ten renovado o servizo de recollida e tratamento de hidrocarburos, aceites usados e residuais, co que dá cumprimento ao convenio internacional Marpol, para o tratamento axeitado destes residuos. O servizo implica por unha banda a recollida directa nos buques dos produtos e por outra a instalación de contedores para recollida e almacenaxe temporal nos portos, baleirado dos mesmos, transporte á planta autorizada e preferentemente reciclaxe e valorización dos medios. Cando isto último non é posible procédese á súa eliminación. Este servizo reforza a prevención ambiental, ao tempo que se melloran as condicións dos usuarios do porto no uso das instalacións.

Ademais dos residuos líquidos, realízase tamén a recollida e tratamento do material relacionado, como filtros, envases, trapos, roupa, aparellos ou neumáticos. Finalmente, a empresa adxudicataria do servizo é tamén a encargada de realizar, a requirimento de Portos de Galicia, a limpeza da lámina de auga dos portos nos casos de vertidos de produtos contaminantes, calquera que sexa a causa. Así, no caso de que se produza algún tipo de vertido, a empresa adxudicataria do contrato estará en disposición de prestar os servizos ininterrompidamente durante as 24 horas do día e os sete días da semana, incluíndo os días laborais e días festivos.

No último exercicio, Portos de Galicia investiu unha partida de 85.000 euros na creación de novos puntos limpos, así como na renovación e instalación de novos contedores. De cara a este ano, o ente público ten xa reservado un investimento de igual contía para ir dando resposta ás necesidades que xorden neste ámbito.