Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA DESTINA 750.000 EUROS Á MELLORA E REORDENACIÓN DOS PEIRAOS DE PORTOSÍN E PORTO DO SON

  • A entidade prevé dar comezo antes de final de ano ás obras de dotación de pantaláns en ambos peiraos 
  • Tamén investiu 100.000 euros na humanización da Praza do Curro de Portosín

Porto do Son (A Coruña), 15 de maio de 2018.- Portos de Galicia está a investir 750.000 euros na mellora e reordenación dos peiraos de Portosín e Porto do Son, no municipio coruñés do mesmo nome. 

O organismo portuario prevé ter iniciadas antes de final de ano as obras de renovación integral dos pantaláns de Portosín e a dotación de dous novos pantaláns para profesionais en Porto do Son. Ambas actuacións atópanse xa en proceso de licitación con importes de 250.000 e 500.000 euros, respectivamente. 

No caso dos pantaláns de Portosín, as obras consistirán na súa reforma integral e dotación de fingers nas 132 prazas existentes, que reforzan a seguridade para a frota amarrada. Para iso ampliaranse os dous pantaláns, que se dotarán, ademais, de torretas de luz e auga, así como dunha de emerxencia. 

Polo que respecta a Porto do Son, o proxecto contempla a instalación de dous novos pantaláns na dársena exterior de modo que se habilitan 50 novas prazas de amarre para esloras de ata 16 metros. Deste xeito dáse resposta ás necesidades do conxunto da frota do peirao, especialmente a de grandes dimensións que ata agora amarra abarloada. 

Acondicionamento da Praza do Curro
Estas inversións foron comentadas durante a visita ao municipio sonense que realizaron o presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán, e a conselleira de Mar, Rosa Quintana. Nela comprobaron tamén a reforma executada por Portos de Galicia na Praza do Curro de Portosín. Esta actuación supuxo a humanización deste espazo portuario que conecta a vila co peirao. Os traballos contaron cun investimento de 100.000 euros e supuxeron a habilitación de novas beirarrúas e zonas peonís así como a reordenación do tránsito rodado.