Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

OS PEIRAOS AUTONÓMICOS DE GALICIA RECIBIRON MÁIS DE 2.500 EMBARCACIÓNS EN TRÁNSITO DURANTE O PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO

  • A comparativa co mesmo período do ano anterior revela un incremento do 9% respecto aos contabilizados en 2017
  • Os portos de Muros, Muxía e o Monte Real Club de Iates de Baiona lideran o ránking autonómico
  • Marina Viveiro aumenta un 38% os barcos recibidos e acada os 212

Santiago, 7 de agosto de 2018.- Os portos de titularidade autonómica de Galicia recibiron un total de 2.547 barcos en tránsito durante o primeiro semestre deste ano. Así o contempla o balance anual realizado por Portos de Galicia, o ente público responsable destas infraestruturas. Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas autonómicas comprendidas entre Ribadeo e Baiona, incrementaron nun 9% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nos portos autonómicos un total de 2.426 barcos destas características. 

Deste xeito, a costa galega confirma a consolidación desta actividade portuaria que vén mantendo unha permanente tendencia á alza nos últimos anos. De feito, durante os últimos oito anos, Galicia ten pasado de recibir arredor de 4.000 barcos en tránsito ao ano a superar os 9.000 no ano 2017.

Nunha análise porto a porto, os clubes náuticos con maior rexistro de tránsitos foron o porto deportivo de Muros, con 354; seguido do de Muxía, con 226; e o Monte Real Club de Iates de Baiona, con 214. Por municipios, Baiona foi líder, con 404 tránsitos, seguido de Muros, con 365 en Sanxenxo, con 300 barcos transeúntes recibidos. Resulta ademais especialmente destacable o caso de Marina Viveiro, a dársena que máis medra porcentualmente, un 38%, pasando de 154 tránsitos a 212, o que o sitúa como o 4º de toda Galicia. 

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a participación de Portos de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París, o Southampton Boat Show, o Dusseldorf Boot Show, e as accións promocionais en Irlanda e Portugal.