Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O MOVEMENTO DE MERCADORÍAS NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS SUBIU UN 11% INTERANUAL NOS PRIMEIROS SETE MESES DE 2018

  • O informe de xestión de Portos de Galicia correspondente a xullo recolle un movemento de 1.060.000 toneladas
  • Os peiraos de Cariño, Ribadeo e Cee foron os que moveron máis mercadorías
  • A comarca de Barbanza capitaliza o tráfico de túnidos con 60.000 toneladas  na Pobra e 22.500 en Ribeira e subidas do 2 e o 18% respectivamente

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 24 de agosto de 2018.- O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 11% ao peche dos primeiros  sete meses do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de xullo, o movemento de mercadorías acumulado nos sete primeiros meses de 2018 situouse en 1.060.000 toneladas, fronte ás 955.000 do pasado ano.

O presidente de Portos de Galicia deu conta destes datos esta mañá nunha visita ao porto da Pobra do Caramiñal, un dos que rexistra maior actividade neste sentido e que se mantén líder ano tras ano no tráfico de túnidos conxelados. Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran a actividade de carga e descarga de mercadorías no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 343.000 toneladas acumuladas nos sete primeiros meses de ano; Ribadeo, con 291.000 toneladas; e Brens-Cee, con 224.000 toneladas.

A este respecto cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Cariño, que rexistrou unha suba do 19% respecto ao acumulado no mesmo período de 2017, o incremento porcentual máis destacado; seguido de Ribeira, que subiu un 18% e Viveiro-Celeiro, cunha suba do 17%.

Durante a súa visita á Pobra do Caramiñal, Durán Hermida lembrou que a comarca do Barbanza continúa a capitalizar o tráfico de túnidos do conxunto dos portos autonómicos. O porto da Pobra volve ser líder nesta actividade con 60.000 toneladas desembarcadas, un 2% máis que o ano pasado. En canto a Ribeira, nos primeiros 7 meses de 2018 descargáronse 22.500 toneladas de atún conxelado, unha suba do 18%.

O presidente de Portos de Galicia destacou a importancia económica desta actividade para a comarca, tanto na actividade das empresas consignatarias, como a industria transformadora e conserveira e as empresas frigoríficas. “Estamos a falar de catro grandes empresas conserveiras na comarca,  tres empresas consignatarias e dúas frigoríficas só na Pobra. Isto tradúcese en máis de 4.000 postos de traballo directos aos que se sumarían tamén o das industrias do metal, transporte, fontanería e reparacións, entre outras”, explicou.