Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA ESTUDA O EFECTO DAS CORRENTES NA DÁRSENA INTERIOR DE MALPICA PARA VER COMO MELLORAR A SÚA SEGURIDADE

  • O ente público está a analizar a intensidade das correntes que se producen no peirao e a súa relación coas ondas longas asociadas aos temporais
  • Este traballo permitirá avaliar cales son as actuacións máis axeitadas para mellorar as condicións de acceso e saída das embarcacións
  • O porto malpicán é unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos tanto polas dificultades de saída e entrada como polas correntes que se xeran no seu interior

 

Santiago, 19 de xullo de 2019.- Portos de Galicia está a estudar a incidencia das ondas longas asociadas aos temporais na zona de entrada á dársena interior e no conxunto do peirao de Malpica co obxectivo de determinar cales son as actuacións máis axeitadas para mellorar a seguridade no acceso a este porto coruñés. Tras unha análise inicial por parte dos técnicos do ente público, o Executivo galego vén de contratar os traballos para comprobar os efectos das ondas longas no peirao co obxectivo de que os resultados permitan avaliar axeitadamente as distintas posibilidades de mellora nesta infraestrutura portuaria.

Os traballos previstos na zona pretenden determinar a orixe das correntes que se producen na dársena interior do porto de Malpica, concretamente na bocana de acceso á mesma, e a súa relación coas ondas longas. Tamén se estudarán as intensidades das correntes, a amplitude da onda longa e o seu período. Os técnicos realizarán ademais as análises preliminares sobre as medidas que poidan contribuír a reducir o efecto das ondas longas. 

Este estudo servirá para clarexar os pasos a dar nas actuacións de mellora da seguridade do peirao dado que os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas opcións, como a rebaixa da canle de acceso na comporta para gañar calado, a eliminación de rebordes que distorsionan as correntes nesta canle, a ampliación do martelo do dique ou a construción dun contradique na zona de terra. Non obstante Portos de Galicia está a analizar en profundidade a situación pois actuacións como a ampliación do dique teñen unha gran complexidade, tanto en trámites como en impacto, e poden derivar en afectacións non previstas inicialmente que é preciso verificar con estudos de correntes e ondaxe.

O peirao de Malpica é unha infraestrutura complexa desde a súa construción hai máis de 80 anos tanto polas dificultades de saída e entrada como polas correntes que se xeran no seu interior. Por este motivo, os técnicos de Portos de Galicia mantiveron varias xuntanzas nos últimos meses coa confraría de pescadores de Malpica de cara a verificar a procedencia das medidas adoptadas e doutras melloras necesarias para mellorar a seguridade no peirao malpicán. Precisamente, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, manterá a vindeira semana unha reunión técnica co patrón maior de Malpica para abordar as actuacións realizadas polo ente público neste sentido.