Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA AMPLIARÁ O DIQUE FLOTANTE DO PORTO DO XUFRE PARA MELLORAR O ABRIGO DOS PANTALÁNS

  • Esta infraestrutura conta actualmente con 240 metros e ampliarase en 60 ata acadar os 300 metros, está en trámites de licitación e nela prevense investir máis de 300.000 euros
  • Con ela a Xunta continúa avanzando na mellora do porto do Xufre no que recentemente puxo a disposición do sector mexilloeiro 128 novas prazas de amarre para embarcacións con esloras de entre 14 e 22 metros
  • Estas actuacións exemplifican a aposta global de Portos de Galicia nos peiraos autonómicos para a creación de novas prazas de amarre e a mellora das infraestruturas portuarias que desde o 2009 se traduce en máis de 186 millóns de euros investidos.

 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 15 de novembro de 2019.-  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou hoxe que Portos de Galicia ampliará o dique flotante do porto do Xufre para mellorar o abrigo dos pantaláns profesionais. Así o sinalou durante a visita a este peirao onde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, supervisou as prazas de amarre que recentemente o ente público puxo a disposición das embarcacións mexilloeiras.

O dique flotante conta actualmente con 240 metros e ampliarase en 60 ata acadar os 300 metros. Para iso prevese a colocación de dous novos módulos de 20x5 metros na cara sur e outro de 20x5 na cara norte. A ampliación sur protexerá principalmente os pantaláns pesqueiros e as ramplas e a ampliación norte protexerá os pantaláns de acuicultura. Esta actuación, na que se prevén investir máis de 300.000 euros, está en trámites de licitación e a súa adxudicación realizarase proximamente.

Con ela, sinalou a titular de Mar, seguimos avanzando na mellora do porto do Xufre no que recentemente a Xunta puxo a disposición do sector mexilloeiro 128 novas prazas de amarre para embarcacións con esloras de entre 14 e 22 metros. Esta dotación, lembrou a conselleira, foi consensuada previamente co sector, adxudicada por un orzamento de preto de 3,4 millóns de euros e dá resposta a unha demanda histórica dos bateeiros que realizan os labores de descarga neste porto.

A dotación de novas prazas para bateeiros complementa a realizada en 2017 para a creación de máis de 300 prazas de amarre para embarcacións pesqueiras, que contou cun investimento de máis 700.000 euros. Así mesmo, entre os anos 2009 e 2010 executouse a ampliación do peirao, cun investimento de 3,1 millóns de euros, e en 2013 investíronse 1,2 millóns na instalación do dique de abrigo aboiante.

Todas estas actuacións exemplifican a aposta global de Portos de Galicia nos peiraos autonómicos para a creación de novas prazas de amarre e a mellora das infraestruturas portuarias. Unha aposta global que desde o ano 2009 se traduce en máis de 186 millóns de euros investidos nos peiraos autonómicos coa creación de preto de 3.000 novas prazas de amarre, coa creación de pantaláns e con melloras nas súas infraestruturas. Deste xeito, contribúese a que os portos galegos aumentasen un 60% os seus tráficos, con máis de 1,7 millóns de toneladas movidas en 2018 e a que o ano pasado os tránsitos de náutica recreativa superasen por primeira vez o nivel dos 10.000.