Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

COMEZA A FASE FINAL DE INSTALACIÓN DOS MÓDULOS DE PANTALÁN PARA MEXILLOEIROS NO PEIRAO DE CABO DE CRUZ, EN BOIRO

  • A actuación permite habilitar 100 prazas de amarre para embarcacións de acuicultura

 

Santiago, 29 de xuño de 2020.-  As obras de construción dun dique de abrigo aboiante e pantaláns para embarcación de acuicultura no porto de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro, veñen de entrar na súa fase final coa instalación esta mañá de dous dos 3 últimos módulos construtivos. O pasado xoves quedaron instalados definitivamente 3 módulos polo que, cos 2 novos instalados hoxe, só resta un último bloque para rematar completamente a construción.

A Consellería do Mar, promotora das obras a través de Portos de Galicia, ten prevista a chegada do último módulo nos primeiros días de xullo e estima o remate final das obras para o vindeiro mes de agosto. Os traballos comezaron no mes de marzo de 2019 e contan cun orzamento de 5 millóns de euros.

As obras consisten fundamentalmente na instalación de pantaláns de formigón armado con núcleo de flotación de poliuretano expandido e fingers de aluminio para o atraque de embarcacións de acuicultura cun francobordo de 90 centímetros que facilita o acceso ás embarcacións. Nesta dotación habilitaranse 100 prazas de amarre para a flota de acuicultura, con esloras comprendidas entre os 14 metros e os 22 metros.

Como solución á axitación da dársena, a liña exterior de pantaláns, orientada á bocana, está constituída por módulos de dique aboiante que realizan á vez a función de protección das novas instalacións fronte á ondaxe de vento e serve de amarre ás embarcacións pola súa cara interna.